Opinión

Que ten de histórico o acordo das renuncias para o profesorado?

Nunha liña discursiva hiperbólica e propagandista, o presidente Rueda e o conselleiro cualificaron o acordo sobre condicións de traballo docente como un pacto histórico.

Nin sequera os sindicatos que se deixaron arrastrar e venderon o profesorado coa súa sinatura chegaron a esa esaxeración. Era demasiado: as eleccións sindicais concorreron hai tan só dez meses e nelas todos defendían a recuperación do horario lectivo (21 sesións en Infantil e Primaria e 18 en Secundaria e outras ensinanzas). O presidente Rueda precisa grandes titulares aínda que sexan falsos: ten en meses unha cita coa urnas nas que se xoga recuncar na presidencia da Xunta ou desaparecer da vida política.

Aceptemos, con todo, o xogo que propón Rueda: falemos do que é histórico nese acordo.

É histórico que un Goberno fale de reducir ratios a ritmo de devalo demográfico: tardarán nove anos en baixar a ratio en Primaria cando, segundo afirmacións do propio conselleiro, perto dun 70% das aulas desta etapa xa están por baixo desa cifra.

É histórico que unha familia cunha filla en Infantil de 3 anos que estea nun centro educativo coas ratios a tope non vaia ver en toda a súa vida académica ningunha mellora na ratio.

É histórico que o alumnado da ESO e Bacharelato non teña ningunha certeza de cando se vai aplicar a redución das súas ratios, máis alá dun compromiso de negociar un calendario (non de aplicalo) no ano 2027. Por non falar de que FP ou outras ensinanzas non existen no pacto sindical.
É histórico que as novas ratios, cando sexa que se implanten, non vaian ter carácter legal e poidan manterse as actuais se no centro educativo non hai espazo suficiente para desdobrar unha aula. Acaso a día de hoxe poden escolarizar 28 nenas e nenos nunha aula de Infantil?

Outra estafa de tamaño superlativo dáse co tema da burocracia. Nin a primeira medida hai no acordo: nin redución horaria para tarefas de xestión nin contratación de persoal administrativo; mais iso si, van crear un grupo de traballo. Tremendo.

A división retributiva do profesorado tamén é histórica: ao profesorado antigo que sufriu todos e cada un dos recortes, unha maior subida salarial pola vía dos sexenios. Ao profesorado máis novo de ingreso, nada, porque o Goberno e os sindicatos asinantes deberon concluír que quen non sufriu a eliminación de dereitos ben pode cargar co que ten porque nunca tivo nada mellor: súbaselle o salario dez euros en dous anos!, clamaron nun berro histórico en San Caetano. Ás direccións, un pequeno agasallo salarial porque darlle máis tempo para exercer as súas funcións era unha tolemia da CIG. Cartos (poucos) por dereitos. Que pode saír mal?, pensaron no PP.
Mais o apelativo de histórico destaca no que se refire ao horario lectivo do profesorado.

Quen ve unha mellora son mestras e mestres de infantil e primaria (baixando a 23 horas) cando traballan en centros que están dotados con profesorado abondo para impartir 21 horas, xa que os cadros de persoal dotáronse no 2007 para poder garantir esa mellora que a dereita eliminou nada máis chegar ao poder. Isto chámase reducir horario lectivo a custo cero. Ao tempo, o profesorado de Secundaria e outras ensinanzas seguirá contra as cordas e cos peores horarios do Estado, con 20 sesións lectivas. É o exemplo máis notábel de como se vendeu ao profesorado.

Un profesorado que parece ter todo en contra: un Goberno que non respecta a maioría na negociación que ten a CIG-Ensino co 53% de representación na Mesa Sectorial e que fai ouvidos xordos a unha inmensa maioría sindical (60% dos votos) dos sindicatos que denunciamos o acordo das renuncias. O profesorado ten tamén en contra a complicidade sindical de quen aceptaron a vergoña do pacto. Que histórico sería, por certo, que algún deses sindicatos, ouvindo o que lle está a dicir o profesorado, rectificase e se unise na loita contra este acordo para conseguir melloras reais.

Nova xornada de folga

Con todo, o profesorado ten do seu lado a dignidade e a forza da razón e a vontade. Demostrouno en todas as mobilizacións desde o 24 de outubro até a impresionante manifestación do 19 de novembro e volverá facelo na nova xornada de folga do martes 28 de novembro. Cando loita, o profesorado tamén está a ensinar: dá unha lección de coherencia, de dignidade e solidariedade. Unha lección que dá os seus froitos porque mantén o colectivo coa cabeza ben alta afirmando que non se rende nin se vende. Xa gañamos porque non calamos e a única derrota é a de quen non loita.

Comentarios