O Nadal fai aflorar a precariedade laboral no comercio galego
As festas de Nadal son a época do ano na que as familias concentran boa parte dos seu gasto en produtos de consumo. Esta circunstancia tradúcese nun incremento da demanda de traballadoras e traballadores por parte dos estabelecementos comerciais co obxectivo de dar resposta a ese pico da demanda.
Nos últimos tempos, esas contratacións pasaron de limitarse ás semanas finais do ano a iniciarse xa no mes do outubro, especialmente desde a irrupción de fenómenos como o 'Black Friday' ou o 'Cyber Monday'.
Segundo os datos de Adecco, a previsión era que na Galiza se asinasen case 58.600 novos contratos (20% máis que en 2020) relacionados con estas campañas e as propias do Nadal.
Este dinamismo do mercado sería algo a celebrar de non ser pola carga de traballo "extrema", a alta temporalidade e o predominio da xornada parcial, que vén de denunciar a Federación de Servizos de CCOO, cunha campaña en todo o Estado español para denunciar esa precariedade.
Como explicou onte en Compostela, durante a presentación da mesma, a secretaria xeral de CCOO na Galiza, Amelia Pérez, a precariedade laboral e o abuso da contratación a tempo parcial predominan nas grandes empresas. Son grandes cadeas de moda que amplían e modifican horarios ou recorren a horas complementarias porque hai un marco normativo que llo permite, denuncia.
Para a dirixente sindical é "necesario" un cambio de modelo produtivo no país que ten que ir da man dunha mellora nas condicións de traballo, "especialmente no comercio". Tamén considera "imprescindíbel" a derrogación da reforma laboral para rematar coa precariedade e o fenómeno da pobreza laboral "que padecen moitos traballadores e traballadoras que, a pesar de teren un emprego, non conseguen chegar a fin de mes".
Pola súa banda, a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, sinalou que esa precariedade, no caso do comercio, prexudica de forma especial as mulleres, pois é un sector altamente feminizado. Hai un abuso na figura dos contratos de xornada parcial, que en máis da metade dos casos obedecen a unha decisión da empresa por non ofertar unha xornada completa, advirte o sindicato.
Nesta liña, reclamou ás empresas que retribúan o tempo adicional traballado para a apertura e feche dos estabelecementos e que se aboen todas as prolongacións de xornada. "Traballar gratis é escravitude", dixo.
Negociación colectiva
Para o secretario de Acción Sindical, Juan Zas, os puntos de conflito coas empresas están no abuso da contratación a tempo parcial, incluso cando pola carga de traballo podían ser contratos a xornada completa, ou o dereito á desconexión dixital.
A este respecto, denunciou a parálise da negociación colectiva no sector. "Hai moitas patronais que nin sequera teñen interese en sentar nunha mesa de negociación", criticou, e lembrou que estes "falan de moito máis que do salario", como dos sistemas de control de entrada, que están a dar moitos problemas porque aínda moitas os están a facer en papel, "un sistema totalmente manipulábel", indicou.
Á cabeza nas fraudes
Como destacou a responsábel de Comercio de CCOO-Servizos, Patricia Mariño, o comercio é o sector que lidera as fraudes na contratación temporal, ao tempo que ocupa un dos primeiros postos canto á contratación a tempo parcial.
Así se desprende dun informe da Inspección de Traballo, ente dependente da Xunta que tamén está a acometer un plan de choque para reducir a fraude na contratación neste sector.
A sindicalista salientou que o labor da Inspección produciuse tanto por iniciativa propia da autoridade laboral como polas denuncias presentadas polos sindicatos. Neste sentido, valorizou o papel das delegadas e delegados sindicais á hora de asesorar os traballadores e traballadoras e pór en coñecemento da Inspección as irregularidades detectadas.