O paro rexistrado baixa na Galiza 0,8%, menos que a media no Estado, onde caeu 2,2%

Novembro fechou con 1.298 persoas menos rexistradas no desemprego en Galiza.

Un carpinteiro en pleno traballo. (Foto: Ministerio de Emprego)
photo_camera Un carpinteiro en pleno traballo. (Foto: Ministerio de Emprego)

O paro rexistrado descendeu en Galiza 0,8%, unha caída menor que a media rexistrada no conxunto do Estado español, onde foi de 2,28%. Hai rexistradas no noso país 152.747 persoas no desemprego, 1.298 menos que no mes anterior. A nivel de Estado, o descenso no paro  en novembro foi de máis de 74.000 persoas. 

Por sectores, en Galiza baixou o paro en todos agás no sector primario, onde aumentou en 64 persoas. 

En comparativa interanual, o paro rexistrado na Galiza baixou en 34.724 persoas (-18,5%), tendo aquí si mellores rexistros que a media estatal: -17% de redución do desemprego rexistrado. No que atinxe ás afiliacións á Seguridade Social, estas aumentaron en 0,28% na Galiza, unha suba tamén menor que a media no Estado, que foi de 0,3%.

O secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, indica que "este reducido descenso do paro" no conxunto de Galiza está "claramente vinculado á elevada temporalidade", xa que a maior baixada produciuse no sector servizos. De feito, engade,  87% dos 88.297 novos contratos rexistrados neste período foron en actividades ligadas a este sector. “Tratouse pois dun crecemento directamente relacionado coa precarización do mundo do traballo, como se desprende do feito que máis do 86% da contratación fose temporal”.

Para a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, se a Xunta non actúa decontado, "Galiza deixará de estar entre as comunidades con mellores resultados e rematará o ano 2021 no furgón de cola". Comisións Obreiras insta a Xuntaa aplicar medidas de apoio aos sectores produtivos en crise, así como políticas activas de emprego que incidan na mellora da empregabilidade e na recualificación das persoas traballadoras.

Para a UXT, "aínda que a creación de emprego e o descenso do paro sexan boas noticias, débense implementar cambios urxentes no mercado laboral para evitar os problemas que tanto prexudican o conxunto da economía".

Contratos

En canto aos contratos, rexistráronse 88.297 en novembro, que supoñen unha caída de 1,02% respecto a outubro, ao ser 912 menos, mais un aumento do 44% en variación anual, ao ser 26.986 máis. Por sectores de actividade, estes 88.297 contratos distribúense entre agricultura (2.486), industria (14.957), construción (4.640) e servizos (66.214).

Deles, 11.873 foron contratos indefinidos (3.960 máis que en outubro, +50,04% e 6.701 máis que hai un ano, +129,56%) e 76.424 temporais (4.872 menos que en outubro, -5,99% e 20.285 máis que en novembro de 2020, +36,13%).

No acumulado, son 845.300 contratos, 83.678 indefinidos (9,90%) e 761.622 temporais (90,10%).

Comentarios