A economía galega medra a costa de contratos precarios

O Foro Económico da Galiza constata un forte crecemento da economía galega no segundo trimeste, mais tamén un incremento da temporalidade na contratación.
Santiago Lago e Fernando González Laxe durante a presentación do informe do Foro Económico (Foto: Arxina).
photo_camera Santiago Lago e Fernando González Laxe durante a presentación do informe do Foro Económico (Foto: Arxina).

O Foro Económico da Galiza presentou esta terza feira o seu terceiro informe de conxuntura económica de 2021, no que constatou unha "notábel" recuperación da economía galega após os meses máis duros da pandemia, mais a costa de aumentar as desigualdades e a precariedade laboral. 

O documento, que analiza o segundo trimestre do ano, foi presentado onte polo catedrático Santiago Lago, quen advertiu que a estratexia de "desactivación e activación" da economía fronte á pandemia da Covid funcionou "moi ben" pero non foi perfecta, debido a que xerou "desaxustes transitorios que están a pasar factura".

Respecto diso, o ex presidente da Xunta e economista Fernando González Laxe, coordinador do informe, incidiu en que a Galiza está ante unha recuperación "notábel, relevante, pero algo incompleta", debido á volatilidade da economía mundial, moi condicionada pola aparición de novos brotes e pola intensidade das medidas de contención.

Pola súa banda, o economista José Francisco Armesto, responsábel do comentario sobre o mercado laboral, resaltou que este tamén reflicte as "desigualdades" salariais e sociais, que son "moi notábeis", en especial no caso das pensións que, como apuntou, "20% están por baixo do limiar da pobreza severa".

No lado positivo, Armesto destacou o "bo comportamento" do mercado laboral en canto ao número de activos e ocupados, agora ben, "desde o punto de vista agregado", xa que "se se profunda na análise hai elementos críticos".

Así as cousas, preguntouse "que pasará" coas persoas que aínda seguen acollidas a expedientes de regulación de emprego temporal (ERTE) e deu a voz de alarma sobre o feito de que o emprego créase fundamentalmente entre persoas con estudos superiores e maiores de 45 anos, mentres que o traballo a tempo parcial "suple" o do tempo completo e repunta a temporalidade.

Ligado a isto, sinala o "aumento da desigualdade entre homes e mulleres", debido a que, entre outras cuestións, oito de cada 10 persoas con traballo a tempo parcial son mulleres.

Estes datos contrastan coas declaracións da conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, que, preguntada polas cifras deste informe, destacou a "boa" situación do emprego na Galiza.

Comentarios