A limpeza ameaza coa folga se non hai novos convenios

En Pontevedra, os sindicatos anuncian que continuarán coas mobilizacións de non hai acordo na mediación. Mentres, Aspel recúa e recoñecerá a suba salarial de 9,8% na Coruña.
Mobilización da limpeza na Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mobilización da limpeza na Coruña (Foto: Nós Diario).

Os sindicatos maioritarios na limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra -a CIG, UXT e CCOO- anunciaron esta cuarta feira que convocarán folga no outono no caso de que non se chegue a un acordo para pactar un novo convenio colectivo na mediación prevista a partir do vindeiro 17 de xuño.

O persoal mobilizouse de novo en Vigo onte para reclamar o desbloqueo das negociacións e unhas condicións laborais dignas.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, que participou na protesta viguesa ante as instalacións do Grupo LHYP, explicou que antes da mediación as centrais levarán a cabo unha nova mobilización, que se desenvolverá ante PSA o día 12 e “no caso de que non se chegue a un acordo durante a mediación teremos un outono quente que incluirá convocatoria de folga”. 

Ao mesmo tempo, indicou que esta situación estase a repetir tamén nas provincias da Coruña e de Ourense, e antes na de Lugo. Neste sentido, detallou que as reivindicacións pasan por un aumento de salarios de 3,5% para 2023 e de 4% para 2024 e 2025, con cláusula de revisión salarial a IPC para non perder poder adquisitivo. Mentres que a parte empresarial ofrece un 3,1%, 3% e 3% sen revisión salarial. 

Aspel asinará na Coruña

Na Coruña, a concentración foi pola tarde diante do Corte Inglés de Catro Camiños para reclamar un convenio digno e a actualización salarial de 9,8%, pendente desde xaneiro deste ano. A escolla do lugar débese a que o centro comercial ten contratados os servizos de limpeza con Eulen, unha das empresas que integran a patronal Aspel.

No marco da mobilización, informouse que pola mañá a voceira de Aspel comunicoulle á CIG e á UXT que acudirá á comisión paritaria para asinar as táboas salariais co incremento estipulado na cláusula de revisión do anterior convenio.

Comentarios