denuncia da cig

“Lesións, coaccións, ameazas e persecución sindical” nunha franquía de McDonald’s en Ourense

A CIG presentou unha denuncia na Fiscalía da Audiencia Provincial de Ourense contra Esteban Dama Ourense -franquía de McDonald's-.

18-06-01 DenunciaMcdonaldsFiscaliaOurense

A CIG presentou unha denuncia na Fiscalía da Audiencia Provincial de Ourense contra o administrador único da empresa Dama Ourense -franquía de McDonald's- por presuntos delitos de lesións, contra a integridade moral e atentado contra a liberdade sindical, tipificado este último no artigo 315 do Código Penal con penas de prisión. O secretario comarcal do sindicato, Anxo Pérez Carballo, e a secretaria das Mulleres da CIG-Ourense, Xulia González Pascual, presentaron a denuncia. 

O sindicato denuncia coaccións, ameazas, agresións e abuso de autoridade “exercidas brutalmente por este autodenominado empresario, feitos que tiveron o seu maior apoxeo no proceso de eleccións sindicais levado a cabo na empresa recentemente e no que a CIG logrou dous dos tres delegados de persoal que se escollían”.

Nun comunicado da central nacionalista, esta indica que no escrito de denuncia recóllese como o propietario da franquía, “nada máis chegarlle a notificación de que se iniciaba o proceso electoral, comezou a coaccionar de xeito individual aos case 40 empregados que desenvolven o seu labor no centro de traballo situado na zona do Fonsillón para que lle dixesen quen se ía presentar na candidatura” da CIG.

Aliás, prosegue a central, achéganse gravacións nas que este propietario afirmaría que non quere que a CIG teña representación, ademais de advertirlles aos traballadores que “no le van a tocar los cojones”. Ao mesmo tempo, nestes encontros individuais tamén intenta lograr candidatos para promover unha lista “independente”, facendo referencias expresas ás datas de extinción dos contratos.

Estas actuacións foron aínda máis alá, afirma, cando recibe un burofax no que a central lle comunica os nomes das persoas que integran a súa candidatura. “Pasou de lembrar nas conversas as datas de finalización de contratos, supostos favores pasados, promesas de contratación de familiares ou adecuacións horarias para a conciliación, a actuacións de pura coerción física, chegando a encararse fisicamente en actitude agresiva con algúns empregados/as e mesmo cruzándolle o coche na estrada a unha traballadora”

Comentarios