martes 29/09/20

O teletraballo no sector público segue sen consenso

Meses de pandemia nos que se promoveu desde as Administracións as bondades do teletraballo non serviron, aínda, para fechar unha norma básica xeral que regule esta forma de traballo non presencial no sector público. Os sindicatos alertan de que o 21 de setembro remata a prórroga da actual lei. 
O teletraballo desde a propia vivenda aumentou como consecuencia da pandemia da Covid-19.(Eduardo Parra/ Europa Press)
O teletraballo desde a propia vivenda aumentou como consecuencia da pandemia da Covid-19.(Eduardo Parra/ Europa Press)

As negociacións entre sindicatos e o Ministerio de Administracións Públicas para crear unha regulamentación básica sobre o traballo a distancia, o coñecido como teletraballo, tiveron a súa primeira baixa ao anunciar a CIG que non asinaría o acordo que xurdira. Desde a central nacionalista recoñecen que se asumiron algunhas das súas alegacións na proposta inicial que Xabier Picón, responsábel da Área Pública deste sindicato, cualificou de “bastante cativa”. 

Entre as modificacións figuraban a cuestión de que a Administración asumira os gastos de mantemento, dos equipos e das redes que se incorporou na parte dispositiva do estatuto básico da empregada e do empregado público. "Outras demandas, como a formación en competencias dixitais ou a prevención en riscos laborais querían que non fosen vinculantes", asegura Picón a Nós Diario, "mesmo o dereito á desconexión dixital que estaba regulado para a modalidade presencial, mais non para o teletraballo", engade.

Entre as demandas da CIG está a de que a lei inclúa a matización de que a modalidade de teletraballo non fose considerada ordinaria, nin absoluta. Isto é, cada Administración deberá analizar en cada ámbito e recoller, na normativa reguladora, a porcentaxe de servizos que poden desenvolverse a distancia, combinando a presencialidade e o teletraballo.

Situación na Galiza coa pandemia da Covid-19

"Cadaquén improvisou como quixo", afirma Picón para explicar a situación que se viviu estes meses coa pandemia da Covid-19 na Galiza, "era un pouco unha selva", resume. Para este sindicalista a falta desta regulamentación fixo que houbese Administracións que facilitaban medios e noutros casos as empregadas e os empregados públicos "tiveron que pór todo, desde equipos até programas e conexión".

En todo caso, cre que nas circunstancias actuais na maior parte de institucións públicas "é difícil facer teletraballo co alcance da totalidade da prestación, entre outras cousas por estar pendente o desenvolvemento da administración electrónica". Entende que cando todo o traballo estea dixitalizado "e un funcionario poida acceder ás bases de datos de toda a súa documentación, poderá facerse desde o domicilio".

Sinala que agora supón "ir buscar expedientes á Administración e levalos para casa, resolvelos e devolvelos fisicamente ás Administracións" polo que, sentencia, "iso non é o que se pretende co teletraballo".  

A Xunta aínda non convocou a negociación

Na Galiza, a Xunta aínda non convocou a mesa para tratar este tema e algunhas organizacións sindicais xa amosaron o seu descontento. "Estamos preocupados", sinala a Nós Diario desde CCOO Emilio Doforno, "insistímoslle á Administración galega para que convoque con carácter urxente a mesa antes do 21 de setembro, cando remata a prórroga en relación ao teletraballo como consecuencia da pandemia da Covid-19", argumenta o sindicalista.

Desde esta organización apuntan que, coa experiencia destes meses, o sistema "debería flexibilizarse máis que até agora que se permite un máximo de dous días por semana", ademais de que desde a Administración se dote "dos medios que se precisen para o teletraballo ademais de realizar axustes técnicos no seu funcionamento". 

Desde FeSP-UXT, Lino Díaz, considera "imprescindíbel unha rotación nos postos de teletraballo segundo sexan as unidades administrativas" algo que debería mudar no regulamento actual da Xunta para o traballo a distancia que é de 2013. "En xuño presentaramos unha proposta para actualizalo e non quixeron daquela, imaxino que por tema electoral", asegura o sindicalista a Nós Diario.

comentarios