Entrevista

Paulo Carril, secretario xeral da CIG: "Hoxe o traballo non asegura acceder a dereitos básicos como a alimentación"

Este 10 de Marzo conmemórase o Día da Clase Obreira Galega. Con motivo desta sinalada data, 'Nós Diario' conversa co secretario xeral da CIG, Paulo Carril sobre a vixencia das reivindicacións de 1972 e sobre os problemas actuais que sofre a clase traballadora galega.  
 
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril. (Foto: Nós Diario)
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril. (Foto: Nós Diario)

En Ferrol, o 10 de Marzo de 1972, tivo lugar unha gran mobilización do persoal do estaleiro de Bazán. A Policía franquista reprimiu a mobilización e matou dous traballadores, Amador Rei e Daniel Niebla. Medio cento de manifestantes resultaron feridos. Con motivo desta data, o Día da Clase Obreira Galega, Nós Diario entrevista Paulo Carril, secretario xeral da CIG, sindicato que esta segunda feira realizará unha ofrenda floral no monumento ao 10 de Marzo de Ferrol e posteriormente unha manifestación. A CIG tamén se mobilizará en Vigo, A Coruña, Compostela, Pontevedra, Lugo e Ourense e Vilagarcía de Arousa.

—Como enfronta a CIG as mobilizacións deste 10 de Marzo?
Para nós está totalmente vixente a reivindicación dos traballadores e das trabalhadoras que en 1972 protagonizaron loitas na defensa dunhas mellores condicións de vida e do dereito á negociación colectiva na Galiza. Estas protestas cobráronse dúas vítimas mortais e, dalgunha forma, son o xermolo do sindicalismo nacionalista. 

Nun contexto no que todos os indicadores públicos amosan o empeoramento dos empregos e a perda do poder adquisitivo, onde cada vez máis sectores da clase traballadora viven empobrecidos e parece que non ten remate a desigualdade, lanzamos 12 propostas que dan concreción á nosa campaña 'Traballo, igualdade, salarios dignos: Galiza con dereitos'. Chamamos á mobilización este 10 de Marzo para reverter unha situación en que ter traballo non permite acceder a dereitos básicos como a alimentación ou a vivenda, especialmente en colectivos como a xente moza e as mulleres.

—Cales son principais reivindicacións desta campaña da CIG?
Que se derroguen as reformas laborais de 2012 e 2021, que en materia de igualdade se acometan as medidas reais que poñan fin á fenda salarial ou que o salario mínimo chegue a 1.320 euros para dar cumprimento á Carta Social Europea. É intolerábel que se queira facer unha aplicación da tributación no aumento do salario mínimo cando fica por baixo da contía que debería estar en vigor. 

Reivindicamos tamén a necesidade dun plan galego de recuperación económica e de industrialización e unha reforma fiscal que garanta a autonomía financeira da Galiza. Así mesmo, apostamos por un plan galego de protección social e pola creación do sistema público de servizos de atención ás persoas. Ademais, demandamos garantir o dereito a negociar na Galiza os convenios colectivos.

—O Goberno galego anunciou a reforma das condicións de acceso ás prestacións de desemprego.
O que o Goberno do PP fai con este anuncio e con esta medida na Galiza é aplicar unha versión moi empeorada do que é a reforma da lei estatal que o Goberno autodenominado máis progresista da historia levou adiante en cumprimento das exixencias para acceder aos fondos comunitarios. Ademais, este proceso apoiase no mantra de que a persoa que está desempregada cobrando unha prestación faino de forma fraudulenta e co ánimo de non traballar, unha mentira que se repite para desmantelar o servizo público de emprego e estabelecer un circuíto de precariedade onde as empresas de traballo temporal e as axencias de colocación son a única vía para acceder ao mercado laboral.

"Reivindicamos que se garanta o dereito a negociar os convenios a nivel galego"

—Outra das palabras que ultimamente é moi repetida pola Xunta da Galiza e polas organizacións do empresariado é absentismo.
É outro dos mantras que se utiliza e reflicte un grado de insensibilidade enorme. A precariedade laboral vai en aumento e penaliza a poboación asalariada, no caso da Galiza a máis avellentada do Estado. A falta de medidas de seguridade vai en aumento e xera doenzas, provoca unha realidade na que as baixas son cada vez maiores. Neste sentido, é curioso inverter os termos da realidade querendo culpar a clase traballadora, que é vítima desta situación, para dar unha imaxe de que está queréndose aproveitar das baixas.

—O da redución da xornada laboral é outro dos debates actuais.
Os avances tecnolóxicos e os cambios na organización do traballo fan posíbel que se reduza a xornada laboral. Facelo até as 37,5 horas na práctica non deixa de ser recoñecer na lexislación unha xornada que xa está presente en moitos sectores e, polo tanto, non é un avance real. En Francia hai moitos anos que está estabelecida a xornada de 35 horas, tal e como nós defendemos, sen que isto teña significado ningún problema.

"Altri e a mina de touro poñen en risco os postos de traballo da economía real"

—Indo a outro dos temas candentes, considera que proxectos como Altri ou a mina de Touro e O Pino son o modelo que Galiza precisa para crear postos de traballo?
A posición que ten a CIG é coñecida, porque fixemos alegacións e participamos na mobilización social estes proxectos. Vemos a forma coa que se pretende afondar o papel colonial da Galiza con decisións políticas que nos perpetúan como territorio de sacrificio e nos condenan a subministrar recursos e a ter unha industria de enclave.

Esta visión que tanto comparte o PSOE como o PP é precisamente a de reforzar a dependencia económica da Galiza. Pola contra, nós apostamos por un  modelo industrial que feche ciclos produtivos, que teña equilibrio social e territorial e que non vaia en prexuízo de outros sectores económicos e produtivos básicos do noso país. Estanse pondo en risco miles de postos de traballo da economía real e dos sectores populares como é o do mar ou son os da gandería e a agricultura, básicos para fixar poboación.

—O panorama internacional está sufrindo mudanzas importantes.
Os Estados Unidos están na procura de seguir mantendo unha hexemonía que está en cuestión. O que está pasando non é nin máis nin menos que unha constatación deste feito. E neste contexto é importante ter en conta que a Unión Europea evidenciase como unha organización cada vez máis esbirra e máis servil á estratexia dos EUA, sexa cal sexa a versión que o imperialismo ianqui queira impor ao mundo en cada momento.

Comentarios