A CIG chama a conmemorar o Día da Clase Obreira Galega para "conquistar" dereitos laborais
O vindeiro 10 de Marzo a central sindical nacionalista convoca concentracións e manifestacións en distintos puntos do país para reivindicar "traballo, igualdade e salarios dignos".
A CIG chama a conmemorar en todas sa comarcas do país o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, para reivindicar “traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos”.
Desde a central sindical nacionalista reclaman as loitas protagonizadas pola clase traballadora galega en 1972 durante as que foron asasinados en Ferrol, pola policía franquista, os traballadores da antiga Bazán, Amador e Daniel. Loitas que comezaron en Ferrol no mes de marzo e que, meses despois, se estenderon a Vigo por mellores condicións de traballo e por defender a negociación colectiva na Galiza.
“Todos os indicadores públicos sobre a realidade laboral e social reflicten un empeoramento dos empregos e da perda de poder adquisitivo dos salarios”, afirman. “Cada día é máis a precariedade, a pobreza laboral, a desigualdade, a fenda de xénero e a desprotección social”.
Así, ter traballo hoxe en día “non implica acceder a dereitos básicos” como a alimentación e a vivenda, nomeadamente entre a xente nova e as mulleres.
Para a CIG, esta realidade laboral é resultado das reformas laborais aprobadas polos gobernos, “utilizando o diálogo social para branquealas, onde o capital avanza a súa axenda, cun papel entregado á desmobilización de CCOO e UXT”.
Na Galiza, afirman, o impacto negativo de todo isto “multiplícase polo Goberno do PP, que aproveita estas políticas españolas para levalas máis lonxe”. Con formas “antidemocráticas e autoritarias impón un deseño ao servizo das grandes corporacións empresariais que veñen espoliar os nosos recursos, reforzando o papel de colonia da Galiza”.
Un Goberno, din, que busca “reforzar a dependencia económica e política galega ao sistema centralista español”, mentres “agonizan máis sectores produtivos e a desertización social e industrial é maior”, así como a emigración e o avellentamento da poboación. “Nesta realidade cuestiónase o noso dereito a negociar e decidir na Galiza os nosos convenios colectivos para termos mellores condicións de traballo e salarios dignos”.
Recoñecer este dereito é, para a CIG, poder democratizar a negociación colectiva ante a permanente centralización en convenios estatais “negociados por cúpulas sindicais sen a participación das persoas traballadoras”.
“Está na nosa man e na nosa capacidade de organización sindical e de loita frearmos este retroceso e precariedade que representa a fórmula perversa de neoliberalismo-diálogo social-estatalización. Debemos confrontar esta situación ante os gobernos e ante a patronal desde o convencemento de que as políticas favorábeis para a clase traballadora e para o pobo galego non son concesión bondadosa dos gobernos nin nacen do diálogo social. Os dereitos conquístanse loitando”, conclúen desde a central sindical, para facer un chamamento á participación nas mobilizacións que convocan para a vindeira segunda feira.
Horas e lugares das mobilizacións
- Ferrol: ás 12 horas, ofrenda floral no monumento ao 10 de Marzo. Ás 20 horas, manifestación con saída do Local Sindical.
- A Coruña: 20 horas, desde a praza de Vigo.
- Compostela: 19.30 horas, desde a praza Roxa.
- Lugo: 20 horas, desde o Edificio Sindical (Ronda da Muralla).
- Ourense: 20 horas, desde o Edificio Sindical (parque San Lázaro).
- Pontevedra: 20 horas, na praza da Peregrina.
- Vilagarcía de Arousa (O Salnés): 20 horas, na Casa do Mar.
- Vigo: 19 horas, desde A Dobrada.

