A Galiza perdeu no mes de xaneiro máis de 40 autónomos por xornada

Máis de 1.250 profesionais da Galiza deixaron de cotizar en xaneiro (Foto: Nós Diario).
A Federación de Autónomos da Galiza alerta da caída continúa desde xuño da afiliación no réxime do traballo por conta propia.

A Federación de Autónomos da Galiza alertou esta sexta feira de que o país perde 40 autónomos cada día, segundo tamén reflicten os datos aportados polo último informe de afiliación do Instituto Galego de Estatística (IGE).

En concreto, o número de persoas no réxime de traballo por conta propia pasou de "206.225 autónomos en decembro -de 2022- aos actuais 204.964", tras os datos do pasado mes de xaneiro.

A federación asegurou que desde xuño do ano pasado a Galiza "foi perdendo persoas afiliadas mes tras mes", dixo o a organización de ámbito galego en referencia ao réxime de autónomos.

"Practicamente todos os sectores de actividade perderon autónomos durante o mes de xaneiro fóra de sanidade, que suma 119 novos cotizantes por conta propia", engadiu o colectivo galego do traballo por conta propia.

A nivel do Estado español, sinalou a federación, "os maiores descensos foron os rexistrados por autónomos do comercio (-6.682 autónomos) e hostalaría (con 2.817 autónomos menos), a construción (-2.287), as actividades profesionais, científicas e técnicas (-1.876) e a industria manufactureira (1.500 cotizantes menos)".

Ao respecto, a organización do traballo por conta propia insistiu "na necesidade dun cambio de política, apostar pola redución do gasto público improdutivo, rebaixas fiscais e moratoria da cotización por ingresos".

A creación de sociedades mercantís caeu en 2022

O IGE desvelou esta sexta feira novos datos sobre creación de sociedades mercantís. En xaneiro de 2023 creáronse 361 empresas, 22 máis (+6,5%) que no mesmo mes do exercicio anterior. Porén, no ano 2022, creáronse un total de 3.786 novas sociedades mercantís, 3,6% menos das constituídas no exercicio 2021.