Fregonas amarelas: a folga das traballadoras da limpeza por un convenio digno

Nova xornada de paro dun sector moi feminizado e sometido á precariedade.

2021-05-11_folga_limpeza_Compostela003

Nova xornada de folga en demanda dun convenio digno para o sector da limpeza na provincia da Coruña. Unha folga para a que, novamente denuncian os sindicatos, decretáronse uns servizos mínimos que “vulneran o dereito do persoal a facer uso da única ferramenta que lles deixa a patronal para defenderse dos seus abusos”.

Así o explicaba o portavoz do comité de folga e representante da CIG Paulo Rubido, quen apuntaba, xa a primeira hora da mañá desta terza feira, que “é unha loita pola dignidade dun sector feminizado que reclama que o seu traballo sexa recoñecido socialmente e que se respecte o dereito a ter unhas condicións laborais, salariais e sociais aos máis de 10.000 traballadores das que 8.000 mulleres”.

As fregonas amarelas tomaron novamente as rúas, nas primeiras horas da mañá con caravanas de coches que se dexaron notar e sentir en polígonos industriais como o de Sabón e despois con concentracións diante dos centros comerciais do Corte Inglés, onde opera unha das empresas con máis peso da patronal, EULEN, que os sindicatos sitúan entre as máis reticentes a recoñecer o dereito do persoal a ter salarios e condicións decentes.

Unha situación que denunciou Rubido, quen salientou que estas empresas “ben que se lucraron durante a pandemia ao ter que reforzar servizos de limpeza e desinfección de edificios e locais”.

Para o comité de folga a actitude da patronal é “despreciativa, impresentable e inadmisible”. Rexeitan a “raquítica oferta” de incremento económico que a patronal puxo enriba da mesa de negociación, dun 0% para 2020 e dun mísero 1% a partir de 2021. “Pretende ademais suprimir artigos do convenio colectivo como o dereito a incrementar xornada ou á xubilación parcial”, lembrou Rubido, quen denunciou que isto “imposibilita que melloren as súas condicións de vida”.

Para esta cuarta feira, día 12, na que será a terceira xornada de folga, teñen convocada unha manifestación que sairá ás 11:30 horas da rotonda de Rosalía de Castro con Mestre Mateo, no campus Sur. Unha mobilización á que agardan que se una o persoal de limpeza da universidade ee da Xunta.

Comentarios