A antiga Faurecia, con centros de traballo en Vigo e Ourense, anuncia 10.000 despedimentos

O provedor de compoñentes automobilísticos rexistrou en 2023 un beneficio neto de 222 millóns

Patrick Koller, conselleiro delegado de Forvia, antiga Faurecia. (Foto: Forvia)
photo_camera Patrick Koller, conselleiro delegado de Forvia, antiga Faurecia. (Foto: Forvia)

O provedor de compoñentes automobilísticos Forvia (froito da compra da alemá Hella por parte de Faurecia), que conta con plantas en Vigo e Ourense, apuntou un beneficio neto consolidado de 222 millóns de euros en 2023, fronte as perdas de 382 millóns rexistradas no ano anterior, segundo as contas publicadas pola empresa esta segunda feira, á vez que anunciou un recorte de arredor de 10.000 postos de traballo.

A cifra de negocio da compañía incrementou nun 10,9% o ano pasado, até 27.248 millóns de euros, á vez que o seu beneficio operativo ascendeu até os 1.439 millóns, un 13,6% máis que un ano antes.

O conselleiro delegado de Forvia, Patrick Koller, asegurou que Forvia tivo un "desempeño sólido" en 2023, grazas a un forte crecemento das vendas e da marxe operativa, así como as "sinerxías con Hella".

"Cumprimos a nosa principal prioridade: seguir desatascando a empresa tras a adquisición de Hella. Reducimos a nosa débeda neta en perto de 1.000 millóns de euros ao longo do ano, grazas á combinación dunha forte xeración de efectivo e a finalización exitosa do primeiro programa de enaxenación de 1.000 millóns de euros que se lanzou a mediados de 2022", destacou Koller.

Recorte do 13% do seu persoal

Así, o fabricante francés anunciou que pensa recortar aproximadamente o 13% do seu persoal europeo, uns 10.000 empregos, nos próximos cinco anos como parte da súa estratexia para competir mellor cos seus rivais asiáticos na transición cara aos vehículos eléctricos. Forvia empregaba a aproximadamente 75.500 traballadores a finais do ano pasado.

A empresa espera que os esforzos para reducir gastos, incluíndo cambios na manufactura rexional e no investimento en investigación e desenvolvemento, lle xeren aforros de ao redor de 500 millóns de euros de maneira anual para o 2028, segundo detallou a empresa esta segunda feira.

Comentarios