Cae o paro e medra a creación de emprego na Galiza grazas ao aumento dos contratos temporais

O Estado español rexistra no seu conxunto os menores niveis de desemprego desde 2008 e a caída faise notar tamén na Galiza, que perde 5.410 parados e fica con 129.024 ao remate do primeiro semestre do ano. O pasado mes asináronse 73.138 novos contratos, dos que case sete de cada dez, porén, foron temporais, unha cifra significativamente superior á media estatal.
Oficina de Emprego de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Oficina de Emprego de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O número de persoas paradas rexistradas nas oficinas de emprego da Galiza baixou en 5.410 o pasado mes de xuño, o que supón un descenso de 4% a respecto de maio, segundo os datos publicados polo Ministerio de Traballo esta terza feira. Son, en total, 129.024 as galegas e galegos que, ao remate do primeiro semestre de 2023, estaban en busca activa de traballo.

Do total de desempregados e desempregadas en territorio galego, máis da metade son mulleres: 76.035 —58,9%, case seis de cada dez—, fronte a 52.989 homes. E hai 4.636 menores de 25 anos rexistrados como parados, dos que 2.418 son homes e unha cifra semellante, 2.218, mulleres.

O paro caeu en xuño en todos os sectores produtivos, se ben o dos servizos, máis unha vez, lidera a caída. Das 5.410 persoas que desapareceron o pasado mes da listaxe de paradas, até 77,7% (4.203 traballadoras e traballadores) correspóndense a este sector. As restantes pertencen á industria (429), construción (304) e sector primario (176), mentres outras 298 non tiñan un emprego anterior.

En xuño asináronse na Galiza 73.138 novos contratos, isto é, un incremento de 15,3% comparando co dato de maio, mais unha caída, porén, de case 9% tomando como referencia o mes de xuño de 2022. Segundo o tipo de contratación, a nota negativa é que a meirande parte —até 50.145, é dicir, 68,6% do total— foron temporais, por volta de 22.993 indefinidos, dos que 1.953 foron por conversión. A nivel estatal o peso dos temporais redúcese a 57,7% do total —860.993 de 1.492.803—.

Os indefinidos son 9,6% máis que en maio, pero até 22,8% menos que no mesmo mes do pasado ano. E os temporais, pola súa parte, increméntanse en 18,2% na comparativa intermensual e caen 0,8% na interanual.

Na Galiza hai actualmente 78.523 beneficiarios e beneficiarias de prestacións por desemprego, das que 33.582 reciben a prestación contributiva, 40.253 o propio subsidio e 4.688 a Renda Activa de Inserción. A contía media da prestación contributiva é de 922,4 euros mensuais, isto é, 32 menos que a media estatal.

Datos estatais

O paro rexistrado en xuño de 2023 baixou en todos os territorios, rexistrando as caídas en cifras absolutas máis acusadas en Andalucía (-8.780), Catalunya (-6.359) e Galiza (-5.410). O número de parados e paradas baixou en 50.268 persoas en xuño no conxunto do Estado español en relación ao mes anterior (-1,8%) impulsado, sobre todo, polo sector servizos, que concentrou case 84% da caída do desemprego. Así, descende a un total de 2,7 millóns, en mínimos desde 2008.

Comentarios