Denuncian falta de equipos de protección individual nos xulgados de Ferrol

Alternativas na Xustiza, sección sindical da CUT, exixe con urxencia material de protección para que non se incrementen os contaxios pola COVID-19.

Xulgados de Ferrol (Nós Diario)
photo_camera Xulgados de Ferrol (Nós Diario)

“Seguimos sen material”, alertan desde a sección sindical da CUT Alternativas na Xustiza en Ferrol. Explican nun comunicado que no edificio xudicial aínda están a agardar polo segundo envío de material remitido pola Xunta da Galiza “que se comprometeu a que o pasado terza feira 21 de abril xa estaría nos 45 partidos xudiciais galegos”.

Explican que o xulgado de garda “está a traballar con luvas prestadas por outro xulgado de Instrución, e o xel está esgotado”. Entenden que estas medidas preventivas adoptadas pola Dirección Xeral de Xustiza para os funcionarios e funcionarias da Administración de Xustiza galega aos que está “obrigando a retornar aos seus postos” non son as correctas.

Tres dispensadores de xel para todo o edificio

Sen os equipos de protección individual (EPI) a única protección son os dispensadores de xel hidroalcohólico. “Hai tres en todo o edificio que ten cinco andares”, aseguran no comunicado.

Cren que na administración da Xustiza galega “xa hai casos positivos de funcionarias e funcionarias” como para adoptar medidas. Por último agardan que os EPI que cheguen “non estean caducados hai 6 anos como xa aconteceu”.

Comentarios