martes 04/08/20

Alternativas na Xustiza denuncia eivas nos xulgados para a reincorporación do persoal

Falta de espazo, edificios sen ventilación natural e falta de equipos de protección individual son algunhas dos problemas actuais segundo este sindicato.

Edificio A Parda, xulgados de Pontevedra (Xunta da Galiza)
Edificio A Parda, xulgados de Pontevedra (Xunta da Galiza)

A reincorporación do persoal da administración de Xustiza non vai ser doada. Alternativas na Xustiza-CUT asegura nun comunicado que o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), o Tribunal Superior de Xustiza (TSX) e a administración da Xustiza “deixan en evidencia que teñen prioridade criterios económicos e laborais por riba dos sanitarios”.

Denuncian que o CXPX fixo público un documento de 400 páxinas con medidas de choque, “sen ter en conta como sería a reincorporación das traballadoras e traballadores aos centros de traballo e as limitacións estruturais para esa reincorporación”.

Apuntan que desde a Comisión de seguimento do TSXG constataron que o maior índice de contaxios está relacionado cos xulgados que realizan funcións de garda, con todo o seu persoal. Unha circunstancia que o propio presidente do TSXG clarifica afirmando que “os xulgados non están preparados para asumir a volta de todo o persoal”.

Mudanzas nas instalacións das cidades

Segundo Alternativas na Xustiza-CUT os edificios xudiciais galegos das cidades e vilas galegas teñen eivas que é preciso solucionar antes de que se reincorpore todo o persoal.

Na cidade de Ourense, por exemplo, sinalan que o antigo edificio do Pazo da Xustiza conta con ventilación, algo que non ten o novo edificio xudicial. Por este motivo consideran que sería proveitoso trasladar os arquivos do primeiro ao segundo para deixar lugar ao persoal que agora pode contaxiarse a través do aire condicionado. Ademais propoñen que se garden as distancias no traballo aos dous metros recomendados polas autoridades sanitarias. Neste período de adaptación, segundo este sindicato, deberían abrir as xanelas das novas instalacións para evitar seguir con ventilación artificial.

Nas cidades de Vigo e Ferrol os edificios xudiciais están ao límite da súa capacidade

Pontevedra conta con tres sedes xudiciais. Desde este sindicato aconsellan que na Audiencia Provincial se redistribúan as oficinas para evitar non respectar a distancia mínima. En relación ao antigo edificio xudicial da Parda apuntan que as oficinas son demasiado reducidas e non contan con espazo abondo. A súa proposta é redistribuílas aproveitando o traslado de moito material ao novo edificio xudicial.

Por outra parte están, por exemplo, as cidades de Vigo e Ferrol, onde os edificios xudiciais están ao límite da súa capacidade. “Os xulgados de Vigo tiveron que habilitar un tellado para instalar o xulgado do Mercantil e alugar un local fóra dos edificios xudiciais para por en funcionamento o xulgado do Social nº 6, de recente creación”.

Xulgados nas vilas

“Nos xulgados das vilas a situación non é mellor”, aseguran desde este sindicato, “as mesas das traballadoras e traballadores non teñen as distancias de seguridade de 2 metros, os corredores son moi estreitos e mesmo edificios xudiciais novos como o de Tui non cumpre coas medidas de seguridade ditadas”.

Tanto nas cidades que teñen maior espazo, por ter edificios de nova creación, como na grande maioría que teñen edificios colapsados de xulgados, a Xunta debería, segundo este sindicato, “instalar biombos de metacrilato para separar ao persoal nos seus postos de traballo, eliminar as barreiras arquitectónicas que supoñen os tabiques de pladur e entregar equipos de protección individual que cumpran coa normativa.

Por último, demandan que a Xunta da Galiza proceda a alugar baixos ou locais naquelas vilas onde as instalacións non teñan a seguridade aconsellábel para o persoal. “Que non prevaleza o aforro económico sobre a saúde”, sentencian.

comentarios