A conflitividade laboral triplicouse na Galiza o pasado ano

Multiplicáronse por catro as xornadas non traballadas, segundo o CES
Unha protesta do persoal de Alcoa na Mariña en 2022. (Foto: Sabela Blanco / Europa Press)
photo_camera Unha protesta do persoal de Alcoa na Mariña en 2022. (Foto: Sabela Blanco / Europa Press)

2022 foi un ano de reavivamento na conflitividade laboral, mesmo a niveis superiores aos anos prepandemia e de confinamento pola Covid. Os datos sitúan Galiza como un dos territorios do Estado español con maior número de xornadas non traballadas como consecuencia de folgas e paros e tamén onde máis traballadores e traballadoras participaron nas folgas.

En 2022, na Galiza multiplícase case por catro o número de xornadas non traballadas e por tres o número de traballadores e traballadoras participantes en folgas, en relación ao ano anterior.  Así o certifica o informe do Consello Económico e Social, en base ao avance de datos publicados na Estatística de folgas e feches patronais do Ministerio de Traballo e Economía Social.

A información que se ten en conta, precisa o CES, son os datos de inactividade por folgas ordinarias dos afiliados á Seguridade Social (SS) asalariados no réxime xeral, no réxime especial do mar (conta allea) e no réxime especial da minaría do carbón. Así pois, non se inclúen os traballadores das mutualidades, nin ningún colectivo de asalariados que non estea na SS.

No mencionado exercicio aumenta de modo moi importante o número de traballadoras e traballadores participantes en folgas, alcanzando as 20.784 persoas, 13.484 máis que no ano anterior, o que sitúa a Galiza como a cuarta comunidade con maior número de participantes (8,3% do total estatal), superada só por Cataluya (27,3% dos traballadores participantes no conxunto do Estado), por Euskadi (26,9% ) e Andalucía (8,5%). 

Finalmente, en relación á evolución no número de xornadas non traballadas, estas alcanzan no ano 2022 na Galiza as 63.672, 46.513 máis que no exercicio anterior. A Galiza rexistra 10% do total de xornadas non traballadas no conxunto do Estado, a terceira porcentaxe máis elevada entre os 17 territorios, por detrás do Euskadi (36,8%) e Catalunya (16,4%).

Comentarios