Xustiza

Quendas de 24 horas "durante varios días", contratos irregulares e enganos: condenan o responsábel dunha empresa de Monforte

A sentenza considera probado que o acusado empregou "múltiples traballadores como vixiantes de seguridade, a quen impuña, mediante engano e abusando nalgúns casos da súa situación de necesidade", condicións laborais que "vulneraban os dereitos recoñecidos aos mesmos nas disposicións legais vixentes".
garda de seguridade (Foto: Nós Diario)
photo_camera Segundo a sentenza, o condenado obrigaba os traballadores subrogados a renunciar á antigüidade con contratos irregulares. (Foto: Nós Diario)

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo vén de condenar a cinco meses de prisión a persoa que na data dos feitos ostentaba a dirección e administración dunha empresa de seguridade, con sede en Monforte de Lemos, por cometer un delito contra os dereitos dos traballadores. O tribunal, que tivo en conta as atenuantes de dilacións indebidas e de reparación do dano, tamén condenou a tres meses de prisión, en concepto de cooperadores necesarios, o entón xefe de servizos nas Illas Canarias e á que exercía como delegada da entidade en Asturias e mais Catalunya, e, a un mes de cárcere, como cómplice, a unha administrativa da sede monfortina da empresa.

Os maxistrados consideran probado na sentenza que, desde aproximadamente o ano 2011 e até outubro de 2015, o acusado, quen "de facto rexentaba a entidade", empregou "múltiples traballadores como vixiantes de seguridade, a quen impuña, mediante engano e abusando nalgúns casos da súa situación de necesidade", condicións laborais que "vulneraban os dereitos recoñecidos aos mesmos nas disposicións legais vixentes".

Así, a Sala subliña que, entre outras condicións, exixíalles "asinar documentos en branco ou parcialmente cubertos ao tempo de formalizar o contrato coa entidade ou con posterioridade, descoñecendo estes o seu contido e efectos, tales como 'recibín', solicitude de anticipos, o modelo 145 do IRPF, manifestación de que non tiñan nada que reclamar á empresa, de recibir formación e información en relación co seu posto de traballo ou de conformidade co convenio colectivo".

Ademais, algúns traballadores, segundo o fallo, realizaban longas xornadas laborais con "quendas de 24 horas sucesivas durante varios días, sen respecto dos descansos estabelecidos" e, aos provenientes doutra empresa que debían ser subrogados pola entidade, exixíalles "formalizar novo contrato, renunciando á subrogación e, consecuentemente, á súa antigüidade como requisito para realizaren horas extraordinarias".

Os xuíces tamén consideran probada a "non realización de cursos de formación de obrigado desenvolvemento, presentando a empresa xustificantes inveraces asinados polos traballadores acreditativos de realizalos e instruíndo aos mesmos a realizar manifestacións en tal sentido se foren requiridos polos servizos de inspección".

O tribunal destaca que o condenado era "auxiliado" na imposición de tales condicións e no control do seu cumprimento tamén polo xefe de servizos en Canarias, a delegada en Asturias e Catalunya e unha administrativa. "Estimamos que o modus operandi da entidade no período axuizado, enganoso e coactivo, impondo aos traballadores condicións ilegais, beneficiosas para a mesma e claramente prexudiciais nos seus dereitos laborais, é subsumíbel no tipo penal", conclúen os xuíces na resolución, contra a que cabe presentar recurso ante o TSXG.

Comentarios