A reunión multilateral rematou sen novidades

O comité avisa de mobilizacións se Alcoa e a SEPI non avanzan

A reunión multilateral telemática mantida esta quinta feira para negociar a venda da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) non modificou o panorama de días pasados e confirmou as diferenzas entre Alcoa e o Goberno español. Desde o comité de empresa alertan de que se non hai adiantos non vindeiros días volverán a mobilizarse.  
A factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo (Europa Press/ Arquivo)
photo_camera A factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo (Foto: Europa Press / Arquivo)

A poucos días de que remate o prazo que se deron as partes para solucionar a venda da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) as posicións seguen distanciadas. A reunión multilateral realizada hoxe a petición da multinacional, na que participaron empresa, Ministerio, Xunta (coa ausencia do conselleiro de Industria, Francisco Conde), comité e sindicatos, finalizou co aviso por parte da representación do cadro de persoal de que non terán "problema" en volver a mobilizarse se non hai adiantos na negociación.

Alcoa insistiu durante a xuntanza en contar cunha resposta por parte da sociedade estatal de participacións industriais (SEPI) sobre os termos da venda. 

O secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, asegurou que "a proposta que fixo Alcoa non cumpre o marco xurídico e por tanto non vai ser aceptada, mais está a analizarse que posibilidades hai para facilitar esa operación".

Durante a reunión rexeitou que a SEPI fose un comprador final e asegurou que se limitaría a facilitar a operación de venda "con Liberty ou con outras empresas". Neste sentido, foi tallante ao pedirlle a Alcoa "non utilizar ás administracións como escusa, porque non son as administracións as que venden a planta". 

Aviso de mobilizacións 

Desde o comité de empresa o seu presidente, José Antonio Zan, afirmou que , "o único" que di o comité é que lle dá "igual que sexa a división de aluminio do grupo Liberty, Alvance, ou que sexa calquera outro grupo industrial que o goberno di que existen" a quen se lle venda a factoría.

Durante o encontro, os representantes dos traballadores solicitaron dúas reunións, unha coas administracións e outra con Alcoa "antes do 29 que acabe esa paz social que hai concertada, para saber como están as negociacións e para ter unha claridade de como está a situación". Neste contexto, Zan alertou de que a parte social "non vai ter problema en volver saír á rúa e volver loitar". 

Polo seu lado, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou a "inoperatividade das Administracións española e galega incapaces de forzar o acordo con Alcoa". Diante do que consideran un bloqueo das negociacións a central nacionalista aposta por retomar as mobilizacións pola "burla" que representa esta falta de resolucións. "As e os traballadores non merecen vivir nun permanente futuro incerto", sentenciou.

Comentarios