O comité de Alcoa ve "inadmisíbel" a proposta da multinacional

A proposta de Alcoa de estender a negociación un ano máis non sentou nada ben no comité de empresa. Nunha xuntanza de urxencia a representación sindical decidiu por unanimidade dar un prazo de quince días para concretar unha venda que tería que realizarse antes do 30 de setembro de 2021 como propuxera a ministra de Industria.
Protestas do persoal de Alcoa en San Cibrao, Cervo, o pasado 19 de xullo (Arxina)
photo_camera Protestas do persoal de Alcoa en San Cibrao, Cervo, o pasado 19 de xullo (Arxina)

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao (Cervo) mantivo esta pasada segunda feira unha reunión de urxencia para avaliar a última proposta chegada desde a multinacional de manter as operacións na planta e non realizar ningún despedimento até o 31 de xullo de 2022 no caso de que o Tribunal de Xustiza da Galiza (TSXG) fallara a favor desa posibilidade. 

Xosé Paleo, delegado sindical da CIG, explica a Nós Diario ao remate da xuntanza que "por unanimidade" o comité chegou a dous grandes acordos.

O primeiro foi cualificar a idea de Alcoa para a planta na Mariña "como inadmisíbel" aínda que "por responsabilidade manteremos a paz social durante quince días" durante os cales non activarán a folga, explica o sindicalista. O segundo propón empregar ese tempo para, durante a primeira semana, "consensuar unha liña común entre Goberno español, Xunta e sindicatos", para durante a segunda "realizar unha xuntanza na que estaría a parte social con Alcoa e Goberno español para acordar a venda antes do 30 de setembro" a proposta que lle fixera a ministra ao presidente da  compañia, Roy Harvey, cando viaxou a Pittsburg para desbloquear a situación.

Paleo afirma que desde o comité "non entramos en que empresa ten que mercar a factoría de San Cibrao mais temos claro que ten que ser antes do 30 de setembro que foi a data que puxo o Goberno español". En todo caso, o rexeitamento do aprazamento da venda é total entre as traballadoras e os traballadores. "O último que queremos é que nos aconteza o mesmo que lle pasou á Coruña e Avilés", afirma Paleo. 

Tino Arias, delegado sindical da UXT na factoría de San Cibrao, indica a Nós Diario que manterán reunións "coas súas respectivas federacións" a maiores das que teñen previstas coas Administracións e a empresa norteamericana. En todo caso, "a postura do comité é inamovíbel e ten que realizarse a venda definitiva antes do 30 de setembro como dixo a ministra".

A ministra responde a Alcoa con optimismo

Esta análise das e dos traballadores da factoría contrasta coa primeira impresión que trasladou a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, horas despois de ter lugar a reunión coa multinacional. Daquela, reaccionaba asegurando que a oferta de Alcoa era "construtiva" e  "un bo sinal que a empresa cambie de actitude e desbloquee o problema existente na planta" froito da conversa persoal que mantiveron na súa sede central hai dúas semanas.

Desa reunión transcenderon con posterioridade visións distintas que quedaron en evidencia cando nun primeiro momento Reyes Maroto aseguraba que a multinacional aceptaba a venda directa sen a intervención da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) que Alcoa desmentiu ese mesmo día.

A solución eléctrica, crucial para a Xunta

A Xunta coincide coa multinacional norteamericana en que o Goberno español ten que actuar sobre o prezo eléctrico para sacar adiante a situación da factoría de Alcoa en San Cibrao. O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, volveu a lembrar en declaracións ao medios de comunicación este pasado domingo que "a solución única e real para manter os postos de traballo, pasa por un prezo eléctrico estable e competitivo, polo que levamos dous anos esperando".

O Conselleiro criticou que na última reunión coa ministra Reyes Maroto "trasladara intencións pero non compromisos". En relación á última proposta de Alcoa opina que "non parece razoábel trasladar a venda da planta a xaneiro de 2023 cando temos catro compradores" polo que cre que "a operación debería concretarse de forma inmediata". 

A continua petición de competitividade

Alcoa, nos seus comunicados oficiais, reitera sempre que a planta non é viábel "debido ao marco enerxético pouco competitivo do Estado español". Indican que pagan na actualidade un prezo medio anual final duns 90 Euros por MWh "máis do triplo do que paga a Compañía en calquera outra planta de aluminio do mundo".

Por esta razón, sinalan que "os problemas enerxéticos ocasionan perdas de ao redor de 1 millón de dólares por semana na planta de aluminio, isto mesmo cunha contorna de mellores prezos do aluminio". Con estes números sobre a mesa algunhas fontes consultadas por Nós Diario consideran "estraño" que desde Pittsburg queiran continuar un ano máis pilotando a factoría "se non obteñen beneficios a cambio".

Comentarios