A CIG salienta “a ampla resposta” á cazolada contra as medidas dos Gobernos

O sindicato nacionalista aposta en seguir coa “reivindicación social” e en “non caer na desmobilización nin na resignación”. Con este espírito tivo hoxe lugar en todo o territorio galego unha ampla cazolada contra os recortes en sanidade e contra as medidas “antisociais” do Goberno estatal e do galego.

imaxe
photo_camera Unha moza participando da cazolada da CIG.

20-04-10 Cazolada_Dereitos_01No marco da “ampla cazolada” convocada pola CIG para protestar contra as medidas “antisociais” do Goberno estatal e da Xunta de Galiza, o secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, insistiu esta sexta feira na necesidade de avanzar na reivindicación social: “A través da mobilización conseguiremos que os custos desta crise sanitaria, social e económica, non recaian, unha vez máis, sobre a clase traballadora e as maiorías sociais".

"De non termos saído ás rúas, hoxe a sanidade pública galega estaría en condicións moito peores para afrontar esta pandemia", exemplificou Carril, que anima a canalizar “na denuncia social” a “impotencia que xeran nas traballadoras e nos traballadores a incerteza sobre o futuro dos seus empregos, sobre o cobro dos salarios e das prestacións, por non ter uns recursos económicos garantidos ou polo medo a ter que acudir ao posto de traballo sen contar coas medidas de protección adecuadas”. No día de hoxe confirmábase o primeiro caso positivo en coronavirus dun traballador da fábrica de Alcoa en San Cibrao e outro posíbel caso en Nova Pescanova (Redondela).

Carril criticou duramente “a xestión irresponsábel” por parte do Goberno español e “o desleixo absoluto” do Goberno de Feixoo e apelou ao “dereito a decidir” para “levarmos adiante políticas públicas a favor das maiorías sociais que ofrezan unha solución global e alternativas amplas para o conxunto da clase  traballadora e que non deriven nela o impacto dunha crise da que non é responsábel".

imaxe (1)A CIG puxo a voz de alarma ante os convites a unha gran concertación social, e á renovación dos Pactos da Moncloa. Carril lembrou ao respecto “os desastrosos resultados que para a clase traballadora ten o diálogo social practicado por CCOO e UXT coa patronal e os diferentes Gobernos, recortando con cada novo acordo os  nosos dereitos, precarizando as condicións laborais e de vida, e avanzando no desmantelamento e privatización dos servizos públicos e dos sectores estratéxicos”.

Propostas da CIG

A CIG volveu reclamar un permiso retribuído por deber inescusábel, cun fondo público de compensación para as empresas, a intervención pública dos sectores estratéxicos da economía, como a banca ou as enerxéticas, e asegurar o financiamento público a través dunha reforma fiscal que grave as grandes fortunas e as grandes empresas.

"Se algo evidencia esta crise é a incapacidade do privado fronte ao público. Hai que superar o neoliberalismo e iso pasa, inevitabelmente, polo que levamos anos demandando: derrogación íntegra das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva", concluíu o secretario xeral da CIG.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios