CIG, CCOO e UGT convocan Folga Xeral na Mariña

Será o 17 de novembro e atinxirá a todas as actividades e sectores tanto do ámbito público como privado.

Un momento da marcha que percorreu este domingo as rúas de Viveiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un momento da marcha que percorreu o día 17 as rúas de Viveiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Os sindicatos CIG, CCOO e UXT convocan para o 17 de novembro folga xeral na comarca da Mariña baixo o lema “Futuro para A Mariña”, a mesma palabra de orde da mobilización que o passado 17 de outubro reuniu miles de persoas en Viveiro.

“Agora, baixo idéntico lema, convocamos de novo a toda a veciñanza a secundar unha folga xeral que afectará todas as actividades desempeñadas polos traballadores e traballadoras de empresas privadas e polos empregados e empregadas do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial da Comarca de A Mariña”, explican as 3 centrais nun comunicado.

A convocatoria da folga, que se iniciará ás 00 horas da cuarta feira e rematará ás 24 horas dese día -agás para as quendas que comecen e rematen antes desas horas-, foi entregada na mañá desta terza feira no rexistro da Consellaría de Emprego e Igualdade polos responsábeis comarcais das tres centrais sindicais, quen reclamaron medidas inmediatas porque “a pobreza, a desertización industrial e o despoboamento da nosa comarca poden ser imparables”.

Xa o pasado ano, cando se convocou a manifestación do 22 de xuño, os tres sindicatos consideraron a posibilidade de convocar unha folga, mais, “dada a situación de pandemia na que estabamos inmersos e a situación tanto da industria como do comercio e hostalaría en toda a contorna, decidimos adiar a convocatoria, ao entender que non era o momento”.

“Mais dende aquela ata o día de hoxe, ano e medio despois, non só non se produciu ningún avance, nin se achegaron solucións ao abandono e á crise industrial, económica e social que atravesa a comarca, senón que a situación foi a peor”, indican.

As tres centrais lamenta, ademais, “que todo o apoio que os partidos políticos da comarca manifestan ás nosas reivindicacións non se ven reflectidas nos feitos tanto da Xunta (PP) como do Estado (PSOE-UP”).

Chamamento a toda a sociedade

“Somos conscientes da transcendencia que unha medida deste calado ten, da perda económica que supón para as traballadoras e traballadores, tamén para o conxunto da sociedade. Pero estamos convencidos e convencidas de que é un esforzo mínimo comparado cos beneficios que pode reportarnos. A Mariña sálvase loitando e este é un paso máis na loita”.

“Temos que recalcar que esta folga non é solo unha folga de traballadores e traballadoras. Esta folga é unha folga do pequeno comercio, autónomos, hostalaría, portos pesqueiros e toda a veciñanza. É unha Folga de toda a Comarca. Por iso, solicitamos que se unan a este paro, igual que o fixeron o 22 de xuño e o 17 de outubro cando nos manifestamos polo futuro da Mariña, porque seguimos pedindo o mesmo.

Comentarios