Milleiros de persoas participan na marcha "polo futuro da Mariña" en Viveiro

O comité de empresa de Alcoa anuncia novas mobilizacións na vindeira cuarta feira, coincidindo coa deliberación do Supremo sobre o ERE na factoría de Cervo.
Un momento da marcha que percorreu este domingo as rúas de Viveiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un momento da marcha que percorreu este domingo as rúas de Viveiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Milleiros de persoas responderon este domingo á chamada de CIG, CCOO e UXT para participar polas rúas de Viveiro nunha gran mobilización "polo futuro da Mariña", que reclamou ás administracións unha solución á crise industrial que sofre a comarca.

Veciñanza, traballadores, asociacións de comerciantes e representantes públicos de diferentes formacións políticas, entre eles algúns alcaldes mariñaos, secundaron as protestas, que tiveron como principal trasfondo os anunciados fechamentos de Alcoa en Cervo e Vestas en Viveiro.

A marcha partiu ás 12 horas da sede da Cruz Vermella e transcorreu polas rúas do municipio.

Críticas á Xunta e o Estado

Na mobilización participou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen demandou á Xunta e o Goberno estatal "solucións urxentes" para a grave crise que, dixo, "leva demasiado tempo sufrindo a Mariña", coa perda na última década de "máis dun milleiro de empregos na industria".

"Temos a absoluta convicción de que se a crise que está vivindo a Mariña a vivise Madrid, a solución hai meses que estaría sobre a mesa", lamentou. En consecuencia, demandou un plan industrial "que permita a diversificación da actividade económica e a xeración de emprego, e que lle dea futuro a esta comarca".

Tamén participou na concentración o secretario xeral de Podemos Galiza, Antón Gómez-Reino, que urxiu unha "solución inmediata". "Ten que haber unha intervención inmediata por parte da SEPI para garantir o futuro dunha planta completamente competitiva", dixo.

Elena Candia, presidenta do PP de Lugo, instou o Executivo de Pedro Sánchez a "deixar de boicotear a Mariña e cumprir os compromisos adquiridos".

Tamén o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que o prezo enerxético e a "falta dun réxime especial para as industrias electrointensivas" son "competencia estatal", polo que afeou que Sánchez se "desentenda" á hora de tomar decisións para o futuro da Mariña.

Pola súa banda, o responsábel de Unión Local da CIG na Mariña, Xorxe Caldeiro, reclamou "solucións políticas" ás reivindicacións sociais, industriais e de investimentos, após un ano no que a situación foi "a peor".

"Aos representantes do Goberno español e a Xunta éncheselles a boca apoiando as nosas reivindicacións, mais cando chegan a Compostela ou Madrid esquécennos", lamentou, ao tempo que pediu "feitos e non palabras" de cara á tramitación dos orzamentos galegos e estatais para 2022.

Novas mobilizacións de Alcoa

Así as cousas, o presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan, avanzou dúas mobilizacións para a xornada da cuarta feira, coincidindo coa deliberación do Supremo sobre o ERE en Cervo. Serán ás 11 e as 20 horas, na entrada da factoría.

Comentarios