Traballar máis, cobrar menos: o paradoxo laboral das mulleres na Galiza debullado neste informe da CIG sobre a fenda salarial

A precariedade laboral segue a ter rostro de muller en Galiza. Segundo o último informe da CIG, arredor do 50% das traballadoras estarían en risco de pobreza se dependesen exclusivamente do seu salario, unha realidade que se agrava no caso das mulleres migrantes.

Ester Mariño, Susana Méndez e Natividad López Gromaz na presentación do informe. (Foto CIG)
Ester Mariño, Susana Méndez e Natividad López Gromaz na presentación do informe. (Foto CIG)

Aínda que a presenza das mulleres no mundo laboral é cada vez maior, na Galiza arredor do 50% das mulleres traballadoras estarían en risco de pobreza se os seus ingresos dependeran exclusivamente do seu salario individual. Se ademais de ser muller se ten a condición de migrante, o risco de pobreza multiplícase, facendo aínda máis evidente a profundidade das desigualdades que existen no mercado laboral.

Este é un dos datos que recolle o informe sobre a situación laboral das mulleres en Galiza (ano 2025) elaborado pola CIG, que este 4 de marzo presentaron Susana Méndez, secretaria confederal de Organización, Ester Mariño, da Comisión Nacional de Mulleres e membro do Gabinete de Igualdade, e Natividad López Gromaz, responsábel do Gabinete de Economía, nunha comparecencia pública na que se informou da campaña e dos actos con motivo do 8 de Marzo.

Este ano, explicou Méndez, a CIG conmemorará o Día Internacional das Mulleres Traballadoras baixo o lema “Feministas e combativas. En loita pola nosa igualdade!”, reivindicando a perspectiva de clase e a orixe que deu lugar a esta xornada de loita internacional. Nesta ocasión, a central sindical convoca unha manifestación nacional de mulleres en Santiago de Compostela, que sairá ás 11:30h da estación intermodal, “para evidenciar ese feminismo de clase e de país”, reiterou Mariño.

Lembrou así que a conmemoración do 8 de Marzo se orixinou hai 116 anos na Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas e chamou a se mobilizar e rematar co silencio fronte aos ataques porque “só cunha acción combativa nos lugares de traballo, nas urnas, na negociación colectiva, nos fogares e nas rúas poderemos rematar coa situación de discriminación e precariedade e avanzar nos nosos dereitos”.

Denunciou que as mulleres “seguimos cobrando menos que os homes, que seguimos ocupando traballos temporais e a xornada parcial” e que os traballos feminizados “continúan a estar minusvalorados económica e socialmente malia os intentos lexislativos para identificar e diminuír a fenda salarial”. Fronte a isto, Freire urxiu ao incremento salarial das profesións feminizadas e que o réxime especial de persoas empregadas do fogar sexa regulado dentro do sistema ordinario da Seguridade Social, “con retribucións acordes a importancia dese labor”.

Criticou o modelo privatizador do PP que non afecta só á sanidade, senón tamén aos servizos sociais, “precarizando as condicións laborais das traballadoras dos SAF ou das residencias”, ademais de pretende obrigar as mulleres a que asuman ese rol coidador de balde. A representante das Mulleres da CIG advertiu da falta de recoñecemento de doenzas relacionadas con continxencias profesionais e da inexistencia de coeficientes redutores en sectores altamente feminizados que dificultan unha vellez e pensións dignas para as mulleres.

Na súa intervención, demandou que os permisos e licenzas se adapten aos novos modelos de familias e que a recuperación tras o parto e a lactación natural debe garantirse até os 12 meses como recomenda a OMS. Mariño puxo o foco no incremento das denuncias de acoso laboral ou sexual contra as mulleres e neste senso, incidiu en que os protocolos de acoso “deben resolverse dunha maneira áxil e eficaz, garantindo a protección das vítimas”.

A fenda en datos

A responsábel do Gabinete de Economía, Natividad López, foi a encargada de debullar polo miúdo a situación das mulleres no mundo laboral en Galiza, advertindo que, no ano 2024, segundo os datos da Axencia Tributaria, 40% das traballadoras percibiron uns ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional. Entres os homes, esta porcentaxe foi do 28%.

Ampliando a análise até 1,5 veces o SMI, a porcentaxe de mulleres que están nestes tramos de ingresos acada o 66,8%, unhas 360.000 traballadoras do total de 539.600 asalariadas. É dicir, arredor do 50% das mulleres estarían en risco de pobreza se os seus ingresos dependesen exclusivamente do seu soldo individual. Un risco que se multiplica se ademais se ten a condición de migrante: en termos xerais, a fenda por nacionalidade acada o 34,3%.

A falta de estabilidade laboral e as elevadas taxas de parcialidade afectan con maior intensidade ás mulleres, ampliando a desigualdade e situando a fenda salarial no 17,7%. Atendendo aos últimos datos publicados, no segundo trimestre de 2025, o 75,5% das persoas ocupadas a tempo parcial eran mulleres. Ademais, malia a reforma laboral de 2021, a taxa de temporalidade das mulleres supera en 14,4 puntos a dos homes, sufrindo un incremento con respecto ao ano 2024.

Outra das características a salientar é que 84,7% das mulleres ocupadas na Galiza traballan no sector servizos (entre os homes esa taxa sitúase no 58,1%) e dentro deste, o 58% das traballadores están ocupadas na macro-rama da administración pública, educación, sanidade e servizos sociais (32,3%) e na rama do comercio (26,5%). Agás na administración pública, en xeral canto maior é a feminización dunha rama de actividade, menores son os ingresos.

De feito en tres das catro ramas de actividade nas que a mulleres son maioría, a fenda salarial supera o 23%: entidades financeiras e aseguradoras, servizos ás empresas e outros servizos persoais e de lecer. A fenda salarial esténdese tamén ás pensións. Durante o ano 2024 o importe medio da pensión dunha muller en Galiza foi un 33% inferior ao percibido por un home: 1.317 para un home fronte a 883 euros/mes para unha mulleres, o que significa 434 euros menos.

Dúas caras dunha moeda

Pola contra, a responsábel do departamento económico salientou que as mulleres representan xa o 49,5% da poboación activa e son as que engrosan a poboación activa na Galiza. No pasado ano, incorporáronse 18.900 mulleres, un 3,1% máis que en 2024, mentres que entre os homes se produciu un descenso do 0,6% (4.100 persoas).

Tamén o emprego creado en 2025 se concentrou de xeito maioritario nas mulleres, pois das 26.500 novas persoas ocupadas, 25.200 foron mulleres, o que supón o 95% do total dos novos empregos. López Gromaz relacionou esta evolución co tipo de traballos que se están a crear, concentrados no sector servizos e en actividades altamente feminizadas.

Malia todo, a presenza feminina nas xornadas a tempo parcial continúa a ser maioritaria e apenas experimenta variacións dun ano para outro. O principal motivo para non ter traballo a tempo completo reside na imposibilidade de atopalo. Así o manifestan o 38,5% dos homes e o 43,9 das mulleres. Porén, cando os factores da parcialidade se deben ao coidado de persoas dependentes, a fenda de xénero faise visíbel: só o 6,3% dos homes alega esta razón fronte ao 21% das mulleres ocupadas.

Nas mesma liña, a segunda causa de inactividade feminina (tras da xubilación) é a dedicación aos labores do fogar, motivo que afecta ao 22% das mulleres inactivas, entre os homes esa cifra é de apenas o 4,8%. Como síntese, a responsábel do Gabinete Técnico da CIG incidiu en que boa parte das desigualdades que existen na actualidade entre homes e mulleres son froito da falta de servizos sociais públicos que alivien a carga do traballo non remunerado. Esta falta de apoio público, criticou, faise visíbel ano tras ano nos Orzamentos da Xunta co estancamento e mesmo a redución do gasto nos programas de acción social directamente relacionados coa protección da muller.

Comentarios