A fenda salarial feminina é de 4.326 euros/ano na Galiza

Un informe da UXT con motivo do 8-M alerta de que, pese ao aumento do salario mínimo, a fenda salarial feminina continúa sendo "inasumíbel".
Unha muller traballando nunha explotación láctea na parroquia de Macedo, en Friol (comarca de Lugo). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Unha muller traballando nunha explotación láctea na parroquia de Macedo, en Friol (comarca de Lugo). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

UXT fixo público esta segunda feira un informe da situación laboral das mulleres na Galiza con motivo do 8-M no que se alerta de que, pese ao aumento do salario mínimo, a fenda salarial feminina continúa sendo "inasumíbel", cunha diferenza de 4.326 euros ao ano cos homes.

Neste estudo recóllense desigualdades que pasan por taxas de actividade máis baixas, menor ocupación, segregación horizontal e vertical, máis parcialidade, máis paro e "un suspenso absoluto para os fogares galegos en corresponsabilidade".

Segundo datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) de 2025, Galiza rexistra a cuarta peor taxa de actividade feminina do Estado español, con 50,7%, 12.000 mulleres menos que os homes (56,6%).

Así mesmo, hai 3.700 mulleres máis en situación de paro, cunha taxa de cobertura de desemprego 4,5 puntos inferior aos homes. 74,5% dos contratos a tempo parcial son delas.

Mentres, de cada 100 persoas ocupadas, 49,3% son mulleres, a pesar de representar 52,3% da poboación. Así mesmo, só 34,8% dos postos de dirección e xerencia están con mulleres á fronte, ademais de que só 2,1% das mulleres ocupadas están neses postos. Na actualidade hai 312.600 mulleres con estudos superiores, fronte a 244.000 homes. Con todo, a igual formación, os homes teñen taxas de ocupación maiores.

Por outra parte, "suspenden" a corresponsabilidade nos fogares galegos. 76,4% das reducións por garda legal son solicitadas por mulleres, así como 80,5% das excedencias. Entre os aspectos positivos, o sindicato apunta que hai 94.100 mulleres máis traballando en 2025 con contrato indefinido que en 2021.

Comentarios