Recuperar a xornada de 35 horas, un dereito aínda pendente para o persoal de enfermaría do Sergas

A recuperación desta xornada laboral, sinala o sindicato Satse, "é unha cuestión de vontade política".
Unha enfermeira inxecta unha vacina contra a gripe. (Foto: Unha enfermeira inxecta unha vacina contra a gripe).
photo_camera Unha enfermeira inxecta unha vacina contra a gripe. (Foto: Europa Press).

A Galiza, canda Aragón, Balears, Castela e León, Catalunya, País Valencià, Madrid, Murcia, Ceuta e Melilla, non ten aínda implementada a xornada laboral de 35 horas para o persoal de enfermaría do sistema público, segundo denuncia o sindicato Satse esta segunda feira.

A través dun comunicado, a organización sindical reclama aos gobernos e partidos políticos das comunidades autónomas nas que aínda non se recuperou a xornada de 35 horas que "acaben con esta realidade laboral que discrimina e prexudica gravemente enfermeiros e fisioterapeutas dos seus respectivos servizos de saúde".

Esta situación prodúcese neses oito territorios a pesar de que transcorreron xa máis de catro anos desde que o Goberno estatal permitiu recuperar este dereito laboral, suprimido en 2012 polo Executivo de Mariano Raxoi. Aquel aumento da xornada laboral en 2012 até as 37,5 horas á semana foi unha das medidas aprobadas durante os momentos máis críticos da anterior crise económica.

O sindicato de enfermaría, que se dirixiu por carta aos conselleiros de Sanidade, xerentes de servizos de saúde e responsábeis de partidos políticos, lamenta que o persoal de enfermaría e de fisioterapia destes territorios "non pode gozar deste dereito laboral aínda que ten as mesmas responsabilidades profesionais, competencias, funcións e formación universitaria que os seus compañeiros do resto do Estado".

"A recuperación da xornada laboral de 35 horas semanais non só supón un claro beneficio para os traballadores, senón que supón a xeración de emprego e mellora a dispoñibilidade dos profesionais para atender aos pacientes, o que sempre redunda nuns coidados e atención sanitaria máis segura e de maior calidade. Non esquezamos que tamén viron conxelado o seu recoñecemento retributivo e suprimíronse pagas ou días de descanso, entre outros dereitos plenamente consolidados", resaltan desde a organización sindical.

Satse cre que apostar na recuperación deste dereito laboral é "unha cuestión de vontade política por priorizar, dentro da xestión do gasto público, a sanidade e os seus profesionais, algo que non fixeron, até a data, os responsábeis públicos e políticos das oito comunidades autónomas mencionadas".

"Antes, agora e nun futuro pódese argumentar que o contexto económico non é o axeitado, mais cómpre ter claro que a administración sempre atopa recursos cando lle interesa priorizar un determinado compromiso público ou político, como podemos observar con frecuencia de maneira pública tendo en conta, aliás, a proximidade das eleccións municipais, autonómicas e xerais", conclúe.

Comentarios