O persoal de Alu Ibérica denunciará ante a Fiscalía as irregularidades na venda da factoría

Malia que o Grupo Riesgo asegura que cumpriron os requisitos “exixidos”, os representantes dos traballadores advirten de que irán á Fiscalía. Igualmente piden a “intervención” nas plantas da Coruña e Avilés, así como a de Alcoa en San Cibrao.

Aluibérica
photo_camera Protesta das e dos traballadores de Alu Ibérica. (Foto: Nós Diario)

O presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, afirmou esta quinta feira que o cadro de persoal prepara unha denuncia sobre as supostas “ilegalidades” que existiron na compravenda da factoría, que antes pertencía á multinacional Alcoa, ao fondo Parter e, posteriormente, ao Grupo Riesgo.

Corbacho, que onte mantivo un encontro co delegado do Goberno do Estado español na Galiza, Javier Losada, concretou que este tema será levado ante a Fiscalía por considerar que a situación da fábrica é “moi crítica”.

Desde o punto de vista do representante das e dos empregados “hai suficiente documentación e información para que se obre con contundencia”. Así falou a respecto do acordo que existiu entre Alcoa e Parter e, máis tarde, entre Parter e o Grupo Riesgo.

Corbacho incidiu, ante os medios de comunicación, en que Alcoa actuou de “mala fe” para “desfacerse por capítulos do aluminio primario en España”.

Por iso, vén de reclamar ao Executivo estatal “a intervención” das plantas que cambiaron de mans na Coruña e Avilés (rebautizadas como Alu Ibérica) e a de San Cibrao, para a que a multinacional xa anunciou despedimentos e o feche.

Estudo de solucións

Losada, que dixo compartir a intranquilidade pola situación da actividade industrial da planta, asegurou que se actuará en consecuencia ao que di o comité. Estuda se é preciso recorrer á vía administrativa ou mesmo á xudicial.

Porén, Grupo Industrial Riesgo defende que o seu papel na compra “levouse a cabo cumprindo todos os requisitos normativos e de procedemento exixidos para a adquisición”.

Comentarios