Alu Ibérica denuncia que Alcoa incumpre o acordo de compra das plantas ao non abonar os pagos pactados

O novo propietario destas fábricas, Grupo Industrial Riesgo, afirmou esperar “até o último momento” para que Alcoa cumprise os acordos, mais "sen resposta" por parte dos xestores anteriores”
alu iberica alcoa (Europa Press)
photo_camera Antiga Alcoa na Coruña (Foto: EP).

A dirección de Alu Ibérica vén de denunciar que Alcoa non respectou o acordo asinado con Parter Capital para a adquisición das plantas da Coruña e de Avilés, logo de que a multinacional estadounidense non fixese os pagamentos acordados desde hai máis dun mes.

O novo propietario destas fábricas, Grupo Industrial Riesgo, afirmou esperar “até o último momento” para que Alcoa cumprise os acordos, mais “ao non obter resposta dos xestores anteriores”, procedeu ao pagamento, por segunda vez, das nóminas de todos os traballadores, segundo explica nun comunicado.

Grupo Riesgo entende que estes atrasos causaran “incerteza” no persoal sobre o futuro da actividade industrial, aínda que garantiu os salarios dos empregados e xa se atopa “en contacto coas autoridades competentes” para presentar un plan industrial.

Así mesmo, os responsábeis de Alu Ibérica anunciaron a potenciación do comité de expertos formado por directivos internacionais que xa traballan no desenvolvemento plan de reconstrución para as fábricas, coa intención de presentalo ás autoridades nacionais, asturianas e galegas.

A semana pasada un equipo de auditoras alertou tamén á nova dirección de Alu Ibérica da existencia de prácticas contables "cuestionábeis" nas contas das plantas da antiga Alcoa correspondentes ao período 2017-2018, así como de "numerosas irregularidades".

Pola súa banda, Alcoa, que quedou coa súa planta de San Cibrao, en Lugo, anunciou a apertura dun período informal de consultas para o despedimento colectivo dun máximo de 534 empregados, alegando unha produción "ineficiente".

Unha historia que se remonta até 2018

As plantas da Coruña e Avilés pertencían anteriormente a Alcoa, que anunciou en outubro de 2018 que deixaba de producir nesas instalacións alegando un alto prezo da enerxía.

Finalmente, produciuse a venda das mesmas ao fondo suízo Parter Capital, que se materializou o verán de 2019, tras a negociación de todos os axentes, incluído o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. As plantas pasaron a pertencer a un grupo denominado Alu Ibérica, pero, en abril deste ano, Grupo Risco adquiriu estas plantas.

Comentarios