Dispárase a sinistralidade na Galiza: cada semana perde a vida unha persoa en accidente laboral

O sector da construción foi un dos que máis incrementou a sinistralidade (Foto: Europa Press)
Galiza foi a segunda autonomía do Estado coa maior suba da sinistralidade.

As forzas de seguridade detiveron na mañá da cuarta feira tres persoas pola morte dun operario nunha empresa do polígono de Bértoa, en Carballo (Bergantiños), o pasado 26 de febreiro. O home carecía da protección adecuada e do permiso legal para traballar no Estado español. Un caso extremo mais non excepcional—estar en situación 'ilegal'— que se dá nunha situación que no mundo laboral continúa a ser preocupante, a sinistralidade laboral. Non en balde, a Galiza foi o segundo territorio no ano 2023 con maior suba en accidentes laborais, só superado polas Illas Canarias.

Só desde mediados de febreiro e até agora perderon a vida na Galiza cinco traballadores e unha traballadora: un home e unha muller na Caniza (A Paradanta) ao lle caer enriba un saco de 1.000 quilos; un operario en Campañó, Pontevedra, ao se precipitar desde un tellado; dous en Vigo (un nun estaleiro e outro na construción); e o último polo de agora, o 17 de marzo en Vilanova de Arousa (O Salnés), onde un operario faleceu mentres traballaba nun serradoiro. O último avance de datos de accidentes laborais publicado polo Ministerio de Traballo, referido a xaneiro, apunta a que na Galiza rexistráronse 2.037 sinistros laborais, dous deles mortais.  

En 2023 perderon a vida na Galiza en accidentes laborais 56 persoas. Son menos que en 2022 debido a que ese ano estivo marcado polo naufraxio do Vila de Pitanxo, elevando os falecementos en sinistros do traballo até 73 persoas. De 2012 ao 1 de xaneiro de 2024 perderon a vida en accidentes laborais 661 traballadoras e traballadores na Galiza. Unha media de un cada semana.

En aumento

A Galiza ocupa o segundo posto do ranking de maior sinistralidade laboral global no conxunto do Estado, cun incremento de 5,99% en relación a 2022. Un ano máis, e xa van varios, en 2023, a Galiza sitúase nova- mente nos primeiros postos da listaxe dos territorios en mortalidade por sinistro laboral, alcanzando unha incidencia media de 4,84 sinistros con resultado de morte por cada 100.000 persoas traballadoras, case o dobre do índice de incidencia media do Estado español, que está por baixo do 3, en concreto en 2,92.

O conxunto dos sinistros de traballo (leves, graves e mortais) con baixa na xornada laboral (exclúe os accidentes in itinere, aquel que se sofre ao ir ou voltar do lugar de traballo), pasaron de 25.732 accidentes en 2022 a 27.274 en 2023. 

In itinere

No que atinxe aos accidentes in itinere, como vén acontecendo nos últimos anos, manteñen na Galiza unha tendencia á alza. Así producíronse 3.149 en 2023 fronte aos 2.670 de 2022, un incremento de 17,94%. Destes sinistros, 3.097 foron cualificados como leves, 46 como graves e seis foron accidentes mortais.

Os datos indican que cando un traballador ou traballadora galega sae da casa para ir traballar, ten máis posibilidades (ás veces incluso o dobre) de morrer que o resto de persoas traballadoras dos outros territorios do Estado. Por sectores, servizos (22 mortes) construción (10) e industria (8) concentran a maior parte dos sinistros laborais mortais durante o ano pasado.