Bombeiros comarcais preparan unha mobilización permanente na praza do Obradoiro

Pretendían iniciar esta sexta feira, día 15, unha protesta pacífica no Obradoiro "en formato acampada". Porén, malia que as autoridades impediron esta opción, si se mobilizarán con carácter indefinido.
Mobilización dos bombeiros esta sexta feira en Compostela. (Foto: Eva Cid Rivas)
photo_camera Mobilización dos bombeiros na praza do Obradoiro de Compostela, o pasado 17 de novembro. (Foto: Eva Cid Rivas)

Os bombeiros comarcais que se atopan en folga desde o pasado verán, e que nas últimas semanas protagonizaron numerosas protestas, iniciarán esta sexta feira, 15 de decembro, unha concentración permanente na Praza do Obradoiro de Santiago en demanda de avances na negocicación das novas condicións para o servizo.

Nun comunicado subscrito polos sindicatos UXT, CIG, CCOO, USO, CSIF e Sibgal, o comité de folga informou hoxe de que xa comunicou á Subdelegación do Goberno español na Coruña que pretendían iniciar esta sexta unha protesta pacífica no Obradoiro "en formato acampada". Porén, a solicitude foi denegada tras os informes emitidos polo Concello de Santiago e da Policía Nacional nos que se apuntaba, respectivamente, á celebración de actos relacionados co Nadal no espazo e ao risco por alerta terrorista.

Por tanto, decidiron que a protesta se desenvolverá como unha concentración permanente cun retén de 20 bombeiros que, durante a noite, será menor pola negativa das autoridades a que se instalen tendas de campaña. Mais a súa presenza de forma indefinida si está garantida.

Esta nova acción reivindicativa responde o "crecente descontento" coa Xunta e as deputacións, aos que acusan de "romper acordos e mentir aos medios" mentres denuncian "un novo empeoramento" das condicións laborais dos traballadores. A pasada semana censuraban que "unicamente hai acordo nun dos catro puntos", o relativo aos días de asuntos propios cos que poderían contar: un total de seis anuais.

O pasado 17 de novembro unha multitudinaria manifestación, integrada por profesionais chegados de toda Galiza e de diferentes puntos do Estado español, concluíu precisamente no Obradoiro, onde un dos bombeiros prendeu lume —de forma ensaiada e controlada— a outro compañeiro, a fin de escenificar "a queima do corpo de bombeiros" por parte do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva. Fixérono entre berros de "dimisión, dimisión".

Comentarios