Os bombeiros comarcais ven avances na negociación coas Administracións mais continuarán coa súa mobilización

O persoal seguirá coa acampada indefinida na praza do Obradoiro, en Compostela, que comezou o pasado 15 de decembro, até fechar un acordo.
Protesta dos bombeiros comarcais na compostelá praza do Obradoiro (Foto: Arxina).
photo_camera Protesta dos bombeiros comarcais na compostelá praza do Obradoiro (Foto: Arxina).

O presidente do comité de folga dos bombeiros comarcais, Ángel Moldes, sinalou que as Administracións Públicas (a Xunta da Galiza e as Deputacións) tiveron "outra vontade" de negociación na reunión decorrida esta cuarta feira en Santiago de Compostela. "Por fin parece que a cousa avanza", afirmou.

Despois do encontro, Moldes resaltou que na mesa negociadora as Administracións Públicas "fixeron unha proposta" que agora está a valorar o persoal. O sindicalista rexeitou entrar en máis detalles, dado que acordaron "non falar das propostas até que finalicen as negociacións".

Porén, indicou o presidente do comité de folga, as sensacións son diferentes a anteriores encontros nas que foran "nefastas", xa que até o de agora as Administracións Públicas "nunca tiveron a intención de chegar a acordo". "Parece que traían outra vontade", subliñou.

Agora, quedan pendentes de que se fixe data para un novo encontro da mesa negociadora. Mentres tanto, os bombeiros comarcais continuarán coa súa acampada indefinida na Praza do Obradoiro, en Compostela, até que se alcance un acordo.

Comentarios