Xustiza

A avogacía de oficio, en pé de guerra contra a Xunta: "Somos escravas"

Avogadas de Lalín e A Estrada foron as primeiras de todo o Estado en cursar a baixa en bloque, e logo dadas de alta de forma obrigatoria, o que demostra que carecen dun dereito efectivo á folga.
Unha das múltiples protestas das avogadas e avogados de oficio (Foto: César Arxina / Europa Press).
photo_camera Protesta da avogacía de oficio, o pasado xullo en Compostela (Foto: César Arxina / Europa Press).

As avogadas e procuradoras da quenda de oficio están chamadas, desde finais do pasado novembro, a secundar unha folga xeral no sector que topa con numerosas trabas. Primeiramente, polos servizos mínimos, que no ámbito xudicial son máis estritos. Desde o sindicato Venia, entidade convocante, propúxose como opcional a asistencia aos procedementos non considerados esenciais, para os que os seguían requirindo igualmente.

Avogadas de Lalín e A Estrada foron as primeiras de todo o Estado en cursar a baixa en bloque por mor da falta de avances nas negociacións, mais, ao ficar deserto un servizo que busca garantir a asistencia gratuíta nos tribunais, foron dadas de alta obrigatoria polo Colexio de Avogados de Pontevedra, decisión agora recorrida. Isto pode derivar, advirte Rosa Lozano, representante do sindicato Venia na Galiza, en que, por exemplo, "unha avogada do mercantil se vexa inmersa nun proceso penal, como se ordenan a un dermatólogo operar a corazón aberto".

Reclaman ser recoñecidas como persoal laboral especial, pois hoxe traballan coa Administración, na práctica, de forma autónoma e non gozan dos mesmos dereitos que outras colegas da xudicatura. Ao asistiren de oficio as clientas que se lles asignan non cotizan, e a retribución, asegura Lozano, é "miserenta".

"Non chega nin para cubrir os gastos e non podemos renunciar, somos escravas no século XXI", lamenta. E exemplifica: a un home que comparecerá como acusado penal foille rexeitado o dereito á xustiza gratuíta e négase a pagar unha avogada, mais, como non pode ficar sen asistencia xurídica, esta letrada foi a designada para defendelo... sen cobrar, pois a Administración non se fai cargo ao denegarlle a xustiza gratuíta.

Todo isto mentres a Xunta da Galiza, encargada da xestión, segue a negarse a admitir como interlocutor válido o comité de folga. "O director xeral [de Xustiza, José Tronchoni] prometeunos participar, mais logo vimos como anunciaban un preacordo cos colexios de avogados, que son quen nos contratan, e en absoluto os profesionais afectados", censura.

Comentarios