xoves 05/08/21
Traballo

A automobilística PSA condiciona a volta á actividade nas súas plantas a que se "reactive o mercado"

O feche da fábrica de PSA Peugeot Citroën de Vigo alóngase sine die debido ao afundimento do mercado. A empresa ten pactado un ERTE con parte do comité para cando remate o estado de alarma. 
Operario en PSA Peugeot Citroën en Vigo (Arquivo-Europa Press)
Operario en PSA Peugeot Citroën en Vigo (Arquivo-Europa Press)

As plantas de PSA permanecerán fechadas, entre elas a factoría de Vigo, até que non se reactive o mercado de vendas, tal e como trasladaron fontes da empresa, que se remiten ás palabras do director financeiro do grupo, Philippe de Rovira.

Fontes da fábrica de PSA Peugeot Citroën en Vigo trasladaron a Europa Press que, tal e como adiantou o director financeiro nas últimas horas durante a presentación de resultados do grupo, a planta seguirá parada e a decisión da volta ao traballo adoptarase "cando se reactive o mercado".

Philippe de Rovira xa sinalou que PSA volverá á actividade nas súas plantas "cando se poidan vender coches", un escenario que aínda non se albisca nun futuro próximo, en plena crise sanitaria polo coronavirus e con medidas de confinamento en gran parte de Europa.

A dirección da fábrica viguesa, no entanto, trasladou nos últimos días que está "preparada" para esa volta ao traballo e, de feito, presentou o seu protocolo de hixiene e saúde pensado para o retorno dos operarios á planta.

Nas últimas reunións cos sindicatos puxéronse sobre a mesa varias posíbeis datas para volver ao traballo. Así, chegaron a valorar a posibilidade de reactivar a planta na pasada segunda feira, ou o día 27 deste mes, aínda que agora o feche alóngase sine die debido ao afundimento do mercado e ás dificultades para garantir subministracións.

Ademais das medidas de seguridade para evitar contaxios na fábrica, a dirección da factoría viguesa chegou a un acordo cos sindicatos SIT (maioritario no comité) e UXT para aplicar un ERTE, que entraría en vigor cando acabe o estado de alarma e se retome a produción.

comentarios