Canto cobra un home a xornada parcial? E unha muller? As cifras da fenda salarial na Galiza

A diferenza de salarios é maior en xornada parcial que completa.
Traballadora (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera As mulleres cobran 7,3 euros a hora, de media, nas xornadas parciais. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A diferenza salarial entre homes e mulleres na Galiza é maior en xornada parcial —8,3 euros a hora eles e 7,3 euros elas— que en completa —9,5 e 8,8, respectivamente—, segundo un estudo sobre salarios que publica esta sexta feira o Instituto Galego de Estatística (IGE). A fenda é tamén máis elevada en contrato indefinido —9,5 euros por hora os homes e 7,8 euros por hora as mulleres— que no temporal —7,8 e 7,6, respectivamente—.

En xeral, os salarios son superiores para as persoas con contrato indefinido. É unha situación característica dos sete grandes concellos, salvo o caso de Ourense en 2021, onde o dos temporais foi superior ao dos indefinidos. Segundo recolle o informe, a medida que aumenta a idade tamén o fan os salarios medios. Así, os maiores de 55 anos son os de salarios máis elevados, e estes medran aínda máis nos concellos da Coruña, Santiago e Vigo.

Carga de poboación estacional

O IGE tamén publica esta sexta feira un informe sobre carga de poboación estacional dos concellos da Galiza, no que en todos os trimestres de 2021 figuran as sete grandes cidades entre os concellos con maiores saldos poboacionais.

No primeiro trimestre, os dez con maiores saldos poboacionais complétanse con San Cibrao das Viñas, O Porriño e Bergondo. No segundo e no cuarto trimestre, Sanxenxo ocupa o lugar de Bergondo entre os dez con maior saldo. E no terceiro trimestre os concellos do Porriño e San Cibrao das Viñas xa non se atopan entre os dez que teñen un maior saldo e son substituídos polos municipios costeiros do Grove e Foz.

Vidas laborais

Por outra parte, un estudo de explotación da mostra continua das vidas laborais recolle que 47,4% das persoas que nalgún momento de 2021 estiveron afiliadas en alta laboral levaba traballado menos de 15 anos, o 30,7% entre 15 e 25 anos e o 21,9% 25 ou máis anos.

Entre os afiliados máis próximos á idade de xubilación —55 ou máis anos—, a porcentaxe dos que levaban afiliados en alta laboral menos de 15 anos é de 14,6%. O 22,1% levaba traballando entre 15 e menos de 25 anos e, finalmente, o 63,3% restante, 25 ou máis anos.

Dos 1.170.925 galegos que en 2021 mantiveron algunha relación de afiliación en alta laboral coa Seguridade Social, 970.375 estiveron afiliados por conta allea nalgún momento do ano. O 79,6% destes afiliados traballou para unha soa empresa.

Comentarios