Acusan de precariedade as auxiliares de Stellantis que contratan con ETT

As denuncias de varios operarios dunha empresa auxiliar de Stellantis na Zona Franca de Vigo pon en evidencia, segundo os sindicatos, a situación de precariedade laboral que viven as auxiliares da automoción coa entrada das empresas de traballo temporal (ETT). 
A empresa auxiliar de Stellantis ten a súa nave na Zona Franca de Vigo. Na imaxe, panorámica da parte inferior (Google Maps / Nós Diario).
photo_camera A empresa auxiliar de Stellantis ten a súa nave na Zona Franca de Vigo. Na imaxe, panorámica da parte inferior (Foto: Google Maps / Nós Diario).

Varias operarias e operarios dunha empresa situada no interior da Zona Franca de Vigo denunciaron a semana pasada na CIG as súas condicións laborais, que, desde a central sindical, cualificaron de "propias doutros séculos". A compañía en cuestión, TKRW Automotive, é a encargada da adaptación de vehículos de Stellantis (PSA Citroën) para transformalos en coches policiais para o Goberno alxeriano. Este persoal foi contratado a través dunha empresa de traballo temporal (ETT) cun convenio de comercio do metal cando terían que estar polo convenio provincial, polo que deixaron de percibir algo máis de 200 euros ao mes.

Segundo a central nacionalista, trátase de "infrasalarios, con categoría de mozo-peón, que non gozan dos descansos que ten o persoal do metal que traballa con altos ritmos". 

O que máis sorprendeu o sindicato foi que desenvolven o seu traballo "nunhas condicións deplorábeis, colocando os diferentes compoñentes dos vehículos tirados polo chan, nunha nave de chapa dentro das instalacións da Zona Franca, sen ningunha medida de seguridade contra a calor e o frío, sen vestiarios e cun baño de obra fóra das instalacións da nave". Ademais, denuncian que non contaban con elementos de vestiario obrigatorio para circular pola zona e tiñan que levar eles mesmos os equipos de protección individual (EPI). 

Centros especiais de emprego

Este tipo de situacións "comezan a ser máis habituais do normal", asegura Paco González Sío, da CIG. A problemática viría, segundo explica este sindicalista a Nós Diario, "por unha sucesión interminábel de subcontratas que abaratan o servizo". O panorama complícase pola introdución de ETT, que "non se preocupan de que se respecten unhas condicións mínimas legais".

Salienta que, neste caso, saltaron todas as alarmas por tratarse dunha empresa situada no interior das instalacións da Zona Franca de Vigo e a cargo dunha compañía "de prestixio" como é Stellantis que, segundo Sío, "debería dignificarse da situación do traballo e da actividade que se fai". 

Ademais das ETT para Sío "o máis grave é o abuso que fai Citröen dos centros especiais de emprego". É o caso de Ilunion, que pertence ao grupo Once. "Contrata persoas con discapacidade, porque conta con vantaxes nas cotizacións e unhas subvencións e debería ser persoal sensíbel e non explotado", asegura Sío, "agora mesmo ten 400 persoas traballando cun salario que é algo máis do mínimo e sen as mesmas condicións", engade.

Precariedade coas ETT

Para Celso Carnero, de CCOO, a alta presenza de ETT nas empresas auxiliares na comarca "é un problema serio". Explica a Nós Diario que habería entre 1.500 e 2.000 persoas traballando de "maneira eventual" no sector da automoción a través destas intermediarias laborais. 

Indica que entre as máis grandes con este sistema estarían Benteller e Denso. Entende que "para a automoción, polas súas características de formación, cualificación e ritmos de traballo, deberían contar con traballadoras e traballadores das propias empresas e non de ETT". Este sindicalista denuncia que ademais da precariedade que implica este tipo de contratos, algúns por días ou semanas, "cando comezaron a activarse os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), á xente que tiña estes contratos suspendéronselles", polo que "quedaron na casa dun día para outro sen dereito a desemprego nin a ningún tipo de prestación". 

Os sindicatos aseguran que teñen dificultades para denunciar este tipo de trato laboral. Carnero recoñece que "dependemos moito dos comités das empresas principais, que ademais de prestar atención ao que lle sucede ao seu persoal tentan botar unha man ao colectivo de eventuais". As denuncias parten das propias traballadoras e traballadores, mais coa incerteza, como apunta este sindicalista, "de que a ETT igual xa non te chamará outra vez".

Comentarios