A opositora da Lama que alertou do intento de enchufismo a un candidato do PP denuncia novas "irregularidades"

Segundo o seu relato, este recibiu a nota máis alta no primeiro exame, cun 7,80, "a pesar de non ter titulación específica ou de experiencia profesional algunha relacionada directamente coa praza de auxiliar bibliotecario e informador xuvenil". Villaverde quedou con 5,6 de nota e o resto de aspirantes suspenderon.
Cristina Villaverde, a prexudicada no proceso de oposicións decorrido na Lama. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Cristina Villaverde, a prexudicada no proceso de oposicións decorrido na Lama. (Foto: Nós Diario)

Cristina Villaverde, a opositora que denunciou "irregularidades" para cubrir a praza de auxiliar bibliotecario no Concello da Lama (comarca de Pontevedra) co fin de "enchufar" o candidato do PP en Ponte Caldelas, Antón Xil, alertou de novas prácticas "irregulares" no segundo exercicio do proceso realizado o 2 de maio e de "cambios" na composición do tribunal.

Villaverde lembrou que, a cinco días de que a Lei dos Interinos de 2021 entrase en vigor, o Goberno local que dirixe o popular Jorge Canda convocou a oposición para a praza que ela ocupa desde hai 23 anos, tal e como informaba no seu día Nós Diario.

Para iso constituíuse un tribunal coa "maioría de representantes de concellos do PP", aos que, polo seu traballo, sostén que está vinculado o aspirante en cuestión laboralmente: dous funcionarios municipais de Cerdedo-Cotobade e un de Campo Lameiro.

Segundo o seu relato, este recibiu a nota máis alta no primeiro exame, cun 7,80, "a pesar de non ter titulación específica ou de experiencia profesional algunha relacionada directamente coa praza de auxiliar bibliotecario e informador xuvenil". Villaverde quedou con 5,6 de nota e o resto de aspirantes suspenderon.

Tras o segundo exercicio, a opositora convocou de novo os medios para realizar novas denuncias de "irregularidades" encamiñadas, recalcou, para "enchufar" ao que, por agora, mantense como o seu único rival pola praza convocada.

Por exemplo, denunciou que houbo "cambios" na composición do tribunal e que, en concreto, substituíuse a secretaria titular que participou no primeiro exercicio. "Evidentemente produciuse un gran balbordo e dou por feito que algunhas persoas que, de boa fe, se prestaron a formar parte dese tribunal decidiron apartarse", esgrimiu, antes de engadir que presentou unha instancia no Concello para que se lle explique "con detalle" as persoas integrantes do Tribunal e "incidencias que se produciron".

"Tras a substitución da secretaria, xa podemos afirmar que absolutamente todos os membros do tribunal que participaron na segunda proba, chegan de municipios con alcaldes aos que o señor Xil factura. Se a iso lle engadimos a relación de proximidade persoal con eses alcaldes e a relación de militancia política no mesmo partido está todo dito. E que cada cal saque as súas conclusións sobre a imparcialidade do tribunal e do propio proceso selectivo", afeou.

Do mesmo modo, esgrimiu que "se reproduciron as irregularidades formais" no segundo exercicio realizado o pasado 2 de maio. "Os exames volveron colocarse abertos sobre a mesa boca abaixo, polo que non foron abertos ante os opositores, o que contravén, por segunda vez, o estabelecido en todo proceso garantista. Tampouco podiamos sacar ningún borrador do escrito e, por último, non lacraron nin asinaron ante os opositores o peche dos sobres", exemplificou.

Tamén denunciou que os enunciados das preguntas para desenvolver eran confusos e que unha integrante do tribunal "estivo a falar sen parar durante os primeiros 15 minutos". "Até que eu mesma tiven que solicitarlle que por respecto mantivese silencio, pois só restaban 15 minutos da proba, e resultaba imposíbel concentrarse, pensar e escribir con claridade as respostas", apostilou.

Denuncia

A opositora censura a situación mentres que o rexedor, Jorge Canda, suxeriulle que denuncie se cre que algunha cuestión non se fixo adecuadamente, segundo recolle La Voz de Galicia. Ela quéixase de que "hai uns días emitiu un comunicado co que pretendía responder" á súa denuncia pública, pero sen "dar a cara".

"Mentres a min pretenden pórme na rúa con este concurso-oposición viciado, negándose a estabilizar a miña praza tras 23 anos de servizo, ao mesmo tempo están funcionarizando a avogada do Centro de Información á Muller (CIM) da Lama", queixouse tamén a opositora, quen expresa o seu agradecemento polo "apoio e solidariedade" dos veciños da Lama.

"Eu non son máis que unha bibliotecaria dunha pequena localidade do rural galego, que non podía esperar tan grande inxustiza despois de 23 anos de servizo e cando, con 62 anos, estou xa ás portas da xubilación. E, está claro, tampouco me esperaba a onda de solidariedade que recibín", resolveu.

Comentarios