A Estrada

A voltas co 'comanche': Zapato Veloz exixe unha "rectificación pública" de Xoán Reices, que reitera que "é unha canción machista"

Á esquerda, os actuais integrantes de Zapato Veloz, Eros Pérez, Jonatan Castaño y José Manuel Martinez, que retomaron en 2019 o legado iniciado a comezos dos 90; á dereita, a atracción 'El Torito Vacilón', na Estrada, obxecto da polémica. (Fotos: Zapato Veloz | Asociacion de Comerciantes da Estrada)

A banda de orixe asturiana emite un comunicado, ao que tivo acceso 'Nós Diario', no que cualifica de "lamentábeis" as declaracións do candidato á Alcaldía da Estrada do BNG, Xoán Reices, quen reitera que a canción, que di nunha estrofa "soy de los que pasan a las indias por la piedra", "asenta a idea da cultura da violación". Pola súa parte, a produtora de Zapato Veloz afirma que "será que a canción só lle 'esperta' a el os seus instintos máis maníaco-sexuais".

Os asturianos Zapato Veloz saltaron á fama a principios dos anos 90 coa súa oda ao tractor amarelo e a historia do galego de Ferrol que chegou á Lúa. As súas cancións chegaron até os tempos actuais —desde 2019 cunha nova formación— e unha delas en particular, Tribu Comanche, frecuentou as atraccións infantís das feiras durante anos. A letra deste tema vén de ser obxecto de polémica no Nadal da Estrada.

"Soy del norte compadre paisano / de la tribu de los cañoneros / de los que usa muy bien el mortero / de los que pasan a las indias por la piedra", di. E así se reproduciu nos últimos días na atracción 'El torito vacilón' situada neste municipio. O candidato do BNG á Alcaldía, Xoán Reices, manifestou en declaracións recollidas por este xornal que "este tipo de letras fomentan a cultura da violación e son denigrantes para as mulleres, que desde logo son valores que están nas antípodas dos que debería promocionar o concello".

Agora a produtora de Zapato Veloz e mais o seu mánager persoal veñen de responder a estas palabras a través dun comunicado remitido a Nós Diario e no que demandan unha "rectificación pública" por parte de Reices "a fin de evitar consecuencias por vulnerar a nosa honra, imaxe e dereitos". "Os nosos artistas e a nosa produtora non entendemos de política nin as súas posíbeis accións de márketing, en concreto de Xoán Reices, a quen non coñecemos de nada, para xerar unha noticia que entendemos 'falsa', vulnerando os dereitos de artistas e creadores para fomentar o propio beneficio político e persoal do tal Xoán Reices", concretan.

"En 30 anos non tivemos problema ningún coa canción [...] Será que só lle 'esperta' a el os seus instintos máis maníaco-sexuais", sinala a produtora de Zapato Veloz

"Durante os 30 anos desde a súa creación, nunca tivemos problema ningún con esta canción, mesmo se cantou no fin de festa de colexios", apuntan, ao tempo que cualifican de "lamentábel" que Reices afirmase que o tema en cuestión "fomenta a cultura da violación". "Entendemos que será que a canción só lle 'esperta' a el os seus instintos máis maníaco-sexuais, non sendo o caso do resto da poboación", sosteñen desde a produtora.

"Non coñecemos ninguén que non defenda as mulleres, os seus dereitos, virtudes e saber facer en innumerábeis cousas, traballos, relacións e vida en xeral. Sen dúbida, estamos en contra de calquera manifestación que vulnere os dereitos das mulleres, nenos e persoas en xeral, e principalmente calquera tipo de violación, acción machista, dolo contra as mulleres e nenos, e de calquera acción que poida danar as persoas en xeral", engaden no comunicado.

Aliás, acusan Xoán Reices de "querer levar ao seu terreo" esta letra "para os seus intereses persoais", e cren que o candidato do BNG "debería dar unha volta polas discotecas e redes sociais para que 'defenda' as letras do reguetón e que viaxe un chisco máis, que é moi san", din, afirmando que "este país precisa unha revisión dos novos políticos e as súas parvadas sen sentido para gañar as eleccións en maio de 2023".

"Non imos entrar en maior polémica sobre unha canción, sempre acollida con ton festivo, que vendeu máis de 5 millóns de copias en España e Latinoamérica, e que segue soando en todas as festas e feiras de todos os pobos de España, Perú, Arxentina, Chile, México e Venezuela", conclúen.

Resposta de Reices

Tras coñecer o contido deste documento, Xoán Reices emitiu outro a modo de resposta, remitido tamén a este xornal, no que considera que "o ton no que está escrito o comunicado do mánager de Zapato Veloz, con numerosas faltas de respecto á miña persoa, é clarificador sobre a falta de capacidade argumentativa de quen o escribe". "Non imos entrar a valorar estas faltas de respecto, pois pensamos que é totalmente irrelevante darlle resposta a esta cuestión", subliña.

Neste escrito, o político nacionalista reitera o expresado previamente: "Entendemos que unha canción que fala de 'pasar a las indias [mulleres] por la piedra', é unha canción machista e non é axeitada para o público infantil; nin hoxe, nin hai 30 anos, e pedimos a retirada do repertorio da atracción do concello. Este tipo de letras son vergoñentas".

"Non hai posíbeis interpretacións desa frase que, sen lugar a dúbidas, banaliza o sexo humillante e a violación", apunta Xoán Reices

"Entendemos que non hai posíbeis interpretacións da frase 'me paso a las indias por la piedra', que, sen lugar a dúbidas, banaliza o sexo humillante e a violación. Neste caso, ademais, tendo en conta a historia de exterminio que se levou a cabo precisamente sobre os pobos de América, o caso é aínda máis sangrante", argumenta.

Na mesma liña, e en resposta ao feito de que o grupo non tivera "problema ningún" con este tema en tres décadas, Reices defende que, precisamente, "que até hoxe ninguén elevara a voz sobre o contido desta canción, que asenta a idea da cultura da violación das mulleres, di moito do traballo que aínda queda por facer para termos unha sociedade igualitaria e respectuosa".

"Non entramos a valorar o estilo musical, sexan de reguetón, de rockandroll ou de calquera outro, nin o que canta cada un na súa casa; pero pensamos que é importante estar atento ao contido das actividades levadas a cabo con cartos públicos, especialmente se están destinados aos máis cativos, aos nenos e ás nenas", prosegue.

Finalmente, Xoán Reices salienta que "a sociedade galega mudou e avanzou moito e vanse dando pasos cara este obxectivo [de camiñar cara a unha sociedade igualitaria]". "E neste sentido —sentencia—, é chave fomentar entre as capas máis novas da nosa sociedade valores de igualdade e respecto, que desde logo non aparecen reflectidos nas estrofas desta canción".