"Me paso a las indias por la piedra". Polémica na Estrada pola letra dunha canción nunha atracción de Nadal

A atracción 'El torito vacilón' (Foto: Asociacion de Comerciantes de A Estrada).

"Pedimos ao concello a retirada inmediata do repertorio musical machista e instamos ao goberno municipal do PP a implicarse máis na loita contra a violencia machista", manifestou Xoán Reices, candidato do BNG á Alcaldía da Estrada.

Soy del norte compadre paisano, de la tribu de los cañoneros, de los que usa muy bien el mortero, de los que pasan a las indias por la piedra. 

Así di a letra dunha canción nunha das atracción de Nadal colocadas polo Concello da Estrada na alameda da localidade

'El torito vacilón'

O BNG da Estrada denunciou a letra machista desta canción titulada Tribu Comanche que soa na atracción 'El torito vacilón' e solicitou ao Concello a "retirada inmediata do repertorio musical machista".

"Desde o BNG cremos que este tipo de cancións non son axeitadas en ningún contexto", manifestou Xoán Reices, candidato á Alcaldía da Estrada pola organización nacionalista.

"Cultura da violación"

"Este tipo de letras fomentan a cultura da violación e son denigrantes para as mulleres, que desde logo son valores que están nas antípodas dos que debería promocionar o concello”, afirma o nacionalista.

Reices acrecenta que "o Concello non pode ser o promotor do machismo, senón ser o principal actor na loita contra a violencia machista".