A xustiza decreta que os Franco non poden retirar a maioría dos bens do Pazo de Meirás

Instalacións do pazo de Meirás. (Foto: M Dylan / Europa Press)
Dos elementos que a familia Franco reclama do interior do pazo de Meirás, a Audiencia permitiulle retirar só cinco.

A Audiencia Provincial da Coruña confirmou que a gran maioría dos bens reclamados pola familia Franco que se sitúan no exterior e interior do Pazo de Meirás forman parte ou pertencen ao inmóbel e, por tanto, non poden ser retirados, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

As únicas pezas do inventario elaborado en 2020 polos técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta da Galiza que os Franco poderán levar do pazo son os anxos de bronce da capela, unha virxe, unha lámpada situada sobre a pilastra da escaleira e uns apliques de parede metálicos, as cales se suman ás alfombras, cuxa retirada xa permitira o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña nun auto recorrido pola familia Franco perante a Audiencia

O alto tribunal, por tanto, confirmou en parte a resolución do órgano de primeira instancia e determinou, nun auto contra o que non cabe presentar recurso, que elementos forman parte do pazo e non poderán retirarse.

Desta forma, estimou parcialmente a cuestión incidental exposta pola Administración Xeral do Estado, á que se adheriron a Xunta e os Concellos da Coruña e Sada, e decretou que practicamente todos os bens reclamados pola familia Franco permanezan no inmóbel.

Do mesmo modo que o xulgado de primeira instancia, os maxistrados determinaron que os bens sobre os que existe discusión, fóra dos que lle permitiu retirar, adquiriron a condición e natureza de inmóbeis por incorporación, por destino ou por ambos.

Tipo de bens

Así, conclúen que todos os existentes no exterior do pazo teñen natureza de bens inmóbeis por destino, pois subliñan que "o xardín do pazo de Meirás sería un simple xardín" sen eses elementos móbeis, "perdendo a súa propia idiosincrasia e contido".

O tribunal destaca que "non consta que tales bens se introducisen no pazo con posterioridade á morte de Francisco Franco", á vez que indica que "moitos deles estaban en vida de Emilia Pardo Bazán".

Ademais, destaca que un historiador manifestou durante a proba testifical practicada que "a maioría dos devanditos elementos xa estaban no pazo en 1938 e practicamente todos o estaban no ano 1975".

A maior parte dos elementos interiores discutidos atópanse no altar maior da capela.

 A Audiencia recalca que é "impensábel un retablo sen imaxes, cando ademais está historicamente acreditado que o mesmo é do século XVII ou principios do XVIII, colocado en tempos da condesa de Pardo Bazán".

Dos elementos que a familia Franco reclama do interior do Pazo de Meirás, a Audiencia permitiulle retirar os cinco mencionados.

O auto, ditado na fase de execución da resolución xudicial de 2020 que declarou que o inmóbel é propiedade do Estado, é firme.