Os Franco opóñense a que os bens móbeis permanezan en Meirás tutelados polo Estado

A Avogacía do Estado reclama 564 elementos de valor histórico.
Primeiras visitantes a Meirás o pasado 4 de xullo (M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Visita de colectivos da memoria ao interior do pazo en xullo de 2021.(M. Dylan / Europa Press).

Máis de dous anos despois da sentenza que deixou a familia do ditador Francisco Franco sen o Pazo de Meirás (Sada), inmóbel espoliado ao pobo galego, o proceso xudicial continúa aberto. A Avogacía do Estado reclama un total de 564 bens móbeis localizados no pazo, entre os cales inclúe elementos que o Goberno español considera que son Patrimonio Nacional (2), Patrimonio Documental (409) e de dominio público (153) “polo seu interese histórico ou artístico”.

A defensa da familia do ditador Francisco Franco negouse onte a que determinados bens móbeis permanezan no pazo baixo a tutela do Estado porque entenden que non hai perigo de que se produzan desmáns sobre os mesmos no caso de que decidan movelos de lugar. 

Así o manifestaron na vista de medidas cautelares decorrida no Xulgado de Primeira Instancia Número 70 de Madrid, na que a Avogacía do Estado defendeu que non sexan sacados do pazo pola familia Franco mentres se dilucida se un total de 564 bens deben pasar a ser de propiedade pública. O letrado dos Franco sostivo que non hai perigo de deterioración ou desaparición deses bens e destacou que os servizos xurídicos non foron precisos á hora de inventarialos.

Para a Avogacía do Estado si que existe un perigo de deterioración e de perda de bens, e sostivo que, de feito, o patrimonio documental atópase nun estado de conservación "deteriorado", polo que require "medidas conservativas".

Bens desaparecidos

A Avogacía do Estado explicou que se constatou que 14 bens que existían en 1938 desapareceron en 1975, polo que esgrimiu que efectivamente hai circunstancia de risco, deterioración e perda de patrimonio. Con todo, os servizos xurídicos do Estado negaron que se trate dunha incautación e que coa cautelar o que se pretende é que funcionarios competentes en patrimonio poidan traballar no pazo para evitar que os bens se deterioren ou se perdan. 

Ademais, a Xunta da Galiza -que se adheriu á demanda xunto ao Concello de Sada- indicou durante a vista que a cautelar é proporcional e que non supón un trastorno para os Franco debido a que así non teñen que preocuparse pola garda e seguridade deses bens. 

O letrado da Xunta explicou que os bens non son de uso persoal ou habitual dos demandados polo que non hai prexuízo. Con todo, si que considera que hai perigo de que se dean situacións "irreversíbeis" no caso de que sexan movidos de alí, como quere facer a familia, porque son bens de valor non só económico senón de carácter cultural e artístico. Pola súa parte, o Concello de Sada alegou que non é necesario acreditar mala fe ou neglixencia da parte demandada para pedir esta cautelar.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios