'Nós Diario', de novo, fóra das axudas á prensa da Xunta

'La Voz de Galicia' volve ser o gran beneficiado. (Infografía: Nós Diario)
O DOG recolleu esta sexta feira a resolución da convocatoria de axudas a xornais que anualmente ofrece a Xunta, unha liña de subvencións da que, máis unha vez, Nós Diario foi excluído alegando o Goberno galego que este xornal non é un "diario" por saír de terza feira a sábado; a pesar de que a OXD, entidade de recoñecida solvencia que audita este xornal, define como diario "aquela publicación diaria impresa en papel que se edita, co mesmo título, formato e características peculiares e universalmente recoñecidas como tales, catro ou máis días por semana".

Máis un ano, o Goberno galego exclúe Nós Diario da liña de axudas a empresas xornalísticas, unha partida que este ano ascende a 1,255 millóns de euros, segundo recolleu esta sexta feira o Diario Oficial da Galiza (DOG). A empresa editora deste xornal, Sermos Galiza S. A., tivo coñecemento desta decisión xa o pasado mes de maio, perante unha resolución asinada pola daquela secretaria xeral de Medios en funcións, Mar Sánchez Sierra, o último documento destas características que levou o seu nome, apenas dous días antes do seu cesamento, após nove anos no cargo —e entre 2009 e 2013 como directora xeral de Comunicación— da man de Alberto Núñez Feixoo.

Que é un diario?

O motivo esgrimido para vetar este medio, de igual maneira que en ocasións pasadas, é que "non se trata dun xornal impreso e distribuído diariamente" —sae publicado en papel de terza feira a sábado—. Porén, máis unha vez, Sermos Galiza S. A. insiste en que as bases reguladoras destas axudas dispoñen que están dirixidas á empresa xornalística que "edite e distribúa xornais diarios impresos en formato papel ou que difunda a súa actividade informativa diaria mediante xornais dixitais a través da internet na Comunidade Autónoma de Galicia", sen ofrecer definición ningunha do que é un diario.

Si mencionan, pola contra, que as publicacións "deberán estar incluídas no informe do Estudo Xeral de Medios elaborado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) ou no informe da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD)". A OXD, entidade de recoñecida solvencia que audita Nós Diario, define como diario "aquela publicación diaria impresa en papel que se edita, co mesmo título, formato e características peculiares e universalmente recoñecidas como tales, catro ou máis días por semana". Dado que Nós Diario está nas rúas cinco días á semana, si cumpre con este requisito.

A Secretaría Xeral de Medios, pois, recoñece a autoridade da OXD para certificar a difusión da publicación Nós Diario, que toma como referencia para cuantificar a tiraxe do xornal, mais non fai o propio aos efectos de cualificar ou non como diario a citada publicación, que a OXD considera diario.

Sermos Galiza S. A., entendendo que Nós Diario cumpre todo o requirido para participar da repartición destes fondos, presentou un recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza que se une ao xa presentado con anterioridade por mor da exclusión da liña de axudas do ano anterior. A primeira das sentenzas coñeceuse antonte mesmo —o recurso máis recente fica aínda pendente de resolución—, e nela os maxistrados entenden que os termos das bases reguladoras son "claros". "Dada a claridade, non se fai preciso acudir a outros criterios de interpretación, e neste sentido basta con acudir ao dicionario da Real Academia Galega, conforme ao cal 'diario' é o que corresponde a todos os días, sendo ademais iso lóxico", prosegue.

A empresa editora deste xornal, porén, alegara no recurso que non só nesta convocatoria da Xunta, senón a nivel xeral no ordenamento xurídico galego e mais no estatal "non existe ningunha definición auténtica do que se deba entender por 'diario' ou 'publicación diaria'". De feito, si existía unha referencia en lexislación precedente, pois o Real Decreto 2089/1984, de desenvolvemento da Lei 29/1984 —hoxe derrogada—, fixaba que un diario é aquel "que se difunda máis de tres días á semana". E apuntaba o texto tamén que a interpretación literal da definición da RAG " tampouco ofrece, por si só, unha guía suficiente", dado que ningún xornal se publica, como di, "todos os días", xa que a prensa descansa na véspera de Nadal, Aninovo e Sábado Santo. A sentenza parte desa tese e desbota 
todo o argumentario.

"Mais non é tan doado, pois nin a convocatoria das axudas nin esa definición da RAG son claras e na lexislación actual non temos referencias, é por iso que nos remitimos ao antecedente histórico lexislativo desa lei de 1984. O Código Civil estabelece que a interpretación das normas debe facerse 'segundo o sentido propio das súas palabras', mais tamén 'en relación co contexto, os antecedentes históricos e lexislativos, e a realidade social do tempo en que han de ser aplicadas, atendendo fundamentalmente ao espírito e finalidade daquelas'. E este é o caso", explica o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, responsábel do bufete que defende Sermos Galiza S. A. nos tribunais.

Na mesma liña, o presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S. A., Xoán Costa, valora que, "sexa ou non legal a convocatoria, o que demostra é que é contraria ás políticas e argumentos de normalizar a lingua galega e axudar os medios en galego". Aliás, prosegue, "a Xunta incide na súa política discriminatoria para favorecer os seus intereses". 

'La Voz', de novo, oxornal máis beneficiado

Os cartos que o Goberno galego distribúe para a prensa este ano, do mesmo modo que en anos anteriores, recae na súa maior parte en La Voz de Galicia, que concentra case a metade (46,7%) da contía total. Seguidamente fica o grupo Prensa Ibérica, con 21,4%, sumando os cartos de Faro de Vigo e La Opinión.

A repartición, porén, non fica aí, pois La Voz é tamén o gran beneficiado da liña de axudas a xornais dixitais, acaparando até 61,7% do total de axudas concedidas (455.233 euros), obtendo, ao sumar as axudas da prensa en papel e dixital, até 867.533 euros, isto é, máis da metade (50,7%) do total. Destoutra convocatoria Nós Diario, por nosdiario.gal, recibiu pouco máis de 3.800 euros.

As axudas directas á prensa, unha cativa porción do 'pastel'

Os 1,25 millóns de euros que o Goberno distribúe cada ano entre a prensa escrita —alén da contía adxudicada a xornais dixitais e os 266.400 euros que concede ás radios— son só unha pequena parte do que destina en cada exercicio aos medios de comunicación. O xornalista Manuel Vilas publicou recentemente un informe en Nós Diario no que cuantificaba en 20,3 os millóns de euros que a Administración galega repartiu á marxe das convocatorias oficiais ás principais cabeceiras no ano 2017, perante convenios de colaboración sen concorrencia competitiva e publicidade.

Naquel exercicio, a Xunta repartiu pola vía dos convenios case dous millóns de euros, dos cales a metade foi parar a La Voz de Galicia. Mais isto son só as faragullas dun 'pastel' moito máis grande formado en esencia polos ingresos publicitarios; unha vía máis opaca, dado que os contratos se adxudican a empresas de publicidade e son estas as que distribúen os anuncios e campañas entre os diferentes medios. Na actualidade, a discrecionalidade e a opacidade seguen a imperar na distribución do groso dos cartos para a prensa.

"Mantense este sistema porque beneficia determinadas empresas que son afíns ao Goberno do PP, con criterios sen actualizar desde hai décadas. Non sabemos ben como se reparten eses cartos da publicidade, nin os soportes empregados nin os criterios nos que se basean", expón, en conversa con este xornal, o propio Manuel Vilas, quen exemplifica esta cuestión no grande investimento realizado para promocionar o Xacobeo 21-22 e pon o foco nas "ínfimas" contías destinadas tanto aos medios dixitais, das que "fican excluídos os medios pequenos", como a aqueles que empregan a lingua galega. De feito, estes fondos apenas alcanzan os 200.000 euros -seis veces menos-, dos que Nós Diario recibiu 30.000 nesta última convocatoria.

O último servizo de Núñez Feixoo: 1,44 millóns de euros do Xacobeo 'a dedo'

O Boletín Oficial do Estado (BOE) oficializou o cesamento voluntario de Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta da Galiza a 30 de abril de 2022. Iso, porén, non impediu que na semana seguinte, exercendo xa como presidente en funcións até o nomeamento de Alfonso Rueda no Parlamento, o seu Goberno adxudicase seis contratos privados de patrocinio publicitario para a promoción do Xacobeo 21-22 con cargo á Axencia de Turismo da Galiza, en mans de Rueda.

Estas licitacións directas, que non contaron cun procedemento de convocatoria pública, ascenderon no seu conxunto a 1,44 millóns, 200.000 euros máis que o destinado á prensa escrita. Os beneficiarios foron medios estatais como Antena 3, La Razón, Onda Cero, El Mundo, Marca, El País, Cadena SER, ABC ou Cadena COPE.

A respecto de adxudicacións como estas, a Lei de Normalización Lingüística da Galiza estabelece, no seu artigo 19, que o Goberno galego "prestará apoio económico e material aos medios de comunicación non incluídos no artigo anterior [artigo 18, sobre os medios de titularidade pública] que empreguen o galego dunha forma habitual e progresiva". Mais a polémica foi máis aló, pois, dado que Núñez Feixoo estaba nese momento en funcións, puido incorrer tamén nunha vulneración da Lei de Transparencia, que dispón que un presidente nesta situación "non poderá adquirir compromisos de gasto que non teñan a consideración de gasto corrente nin adxudicar contratos que teñan vixencia plurianual e, en todo caso, aqueles cuxa estimación económica supere a contía de 150.000 euros".

Cada un dos contratos era de 200.000 euros ou máis, motivo polo cal o Bloque Nacionalista Galego e Unidas Podemos exixiron unha investigación ao respecto.