Pluralidade de voces contra o veto: Académicos e xornalistas piden igualdade de trato para 'Nós Diario'

O xornal e excluído das axudas á prensa.
Nós Diario é un diario editado na Galiza e por ese motivo debería ter dereito, ao igual que acontece con outros medios, a poder recibir as axudas que a Xunta habilita anualmente para prensa en papel. Este é o sentir que transmiten xornalistas e académicos consultados a raíz do novo veto da Xunta ao único xornal en papel en galego.

A Real Academia Galega (RAG) recolle a definición de xornal "diario" como aquel que sae "todos os días". Unha caracterización que usa a Xunta para argumentar e defender a exclusión de Nós Diario da liña de axudas a medios en papel  e que acepta o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) para desestimar un primeiro recurso da empresa editora deste xornal, Sermos Galiza S. A. 

Mais as voces consultadas non partillan ese "pretexto" argumental. O propio presidente da RAG, Víctor Freixanes, afirma que, se ben como presidente da Real Academia Galega, non debe de entrar a valorar ou interpretar unha  sentenza, apunta, "a título persoal", que "un medio como Nós Diario debería, no mínimo, recibir un trato igual ao dos outros medios”. Para Freixanes, "efectivamente, Nós Diario non sae todos os días” mais empregar ese argumento ”non é máis que un pretexto para non abordar o tema de fondo, que é o dereito deste medio a poder recibir esas axudas”. "Non é correcto deixar Nós Diario fóra das axudas”, indica, e apunta que "a Xunta debería revisar eses criterios para vindeiras convocatorias”.

Margarita Ledo Andión, xornalista, cineasta e académica da RAG, manifestou a Nós Diario que "a posición da Xunta non ten sentido" ao excluír este medio. Sobre o uso da aceptación "diario", considera que "son argucias para non cumprir coas súas obrigas como Administración para cun medio que está aí, existe e fai parte do sistema de comunicación galego”. “Que deixen de querer reducir isto a unha cuestión de calendario, dos días que sae un medio, para tapar unha cuestión que é política, e que é a postura da Xunta á hora de distribuír estas axudas”, prosegue a membro da Real Academia Galega. Apunta, neste sentido, as axudas e subvencións que se destinan a medios de comunicación e que se enmarcan no fomento do uso do galego, e aí o criterio de concesión é moito máis "laxo": “Subvencionan medios que pouco empregan o galego, apenas o utilizan, aí o baremo é distinto”.

“O que está en solfa é que se aplique a Lei de Medios”, conclúe a que foi a primeira decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. 

Pola súa parte, Xosé López, catedrático de Xornalismo, considera que "unha publicación debera de poder acceder ás axudas aínda non publicándose todos os días. E temos moitos exemplos, como o de Cinco Días que, como o seu propio nome indica, non saen todos os días". "Temos unha tradición ao longo da historia de xornais diarios que nunca saíron todos os días. Moitos sacaban a Folla dos luns, polo que é evidente que non saían todos os días. E mesmo na actualidade estamos a vivir a nivel mundial unha reorganización xeral polas dificultades actuais [prezo do papel, caída das vendas...] e o debate sobre un cambio de modelo. Moitos xornais empezan a deixar de saír todos os días", manifesta. Como conclusión, considera que "cando xestionamos cartos públicos sempre debemos facelo de forma equitativa para que todos eles reciban a parte que lles corresponde equitativamente".

Martxelo Otamendi, director do diario en euskera Berria —publícase 6 días á semana e ten axudas do Goberno vasco para diarios— afirma que "á marxe de que saia os 7 días á semana ou non, Nós Diario fai un servizo importantísimo para a comunidade galega, e en galego". "É unha decisión que non ten explicación, que só se entende desde o sectarismo político e a discrecionalidade política", di.