Ensino

A Xunta usa subvencións europeas para cubrir parte do salario de profesorado, segundo a CIG

Un centro de ensino antes de comezar o curso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
A subvención, “a dedo e sen petición previa”, afecta o profesorado especialista de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) deses 200 centros.

Douscentos centros educativos de Infantil e Primaria recibiron entre 11 e o 13 de xullo comunicacións telefónicas e por correo electrónico nas cales se lles indicaba que foran “seleccionados” para formar parte dun programa financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) que implica o cofinanciamento de 60% dos custos de persoal de atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, segundo indica a Confederación Intersindical Galega (CIG).

A subvención, “a dedo e sen petición previa”, afecta o profesorado especialista de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) deses 200 centros.

“As instrucións da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (DXOIE) danse sen ter en conta a opinión dos centros e como feitos consumados, indicando que teñen que facer público nun lugar ben visíbel do centro e da web, un cartaz que xustifica a participación da Unión Europea no financiamento dun programa que, de feito, non existiu como tal”, indica o sindicato nacionalista.

Ao profesorado afectado (PT, AL, Orientación, dirección do centro) dáselle de prazo até o 31 de xullo para cumprimentar datos de todo o alumnado “participante”.

“No documento fica claro que a Consellaría considera como participante nun programa a alumnado, profesorado e centros que en ningún caso formaron parte de ningún programa e que fixeron o traballo normal e habitual de atención á diversidade que se desenvolve ao longo do curso escolar, o que arroxa todas as dúbidas sobre a actuación da administración galega no uso destes fondos”, acrecentan desde a CIG.

O Programa FSE+ Galicia 2021-2027, ao que se acolle a Consellaría para xustificar 60% dos salarios dun número de docentes, que sería ao redor de 400 docentes, foi aprobado o 9 de decembro de 2022 pola UE e a presentación pública por parte da Xunta foi o 14 de marzo de 2023. Malia isto, e tal e como recoñece a Consellaría, “non foi até o 2 de xuño cando se solicitou a autorización á Xunta para poder contar cos fondos europeos”.

A CIG-Ensino considera “totalmente improcedente e un escándalo” que se usen fondos europeos para sufragar parte dos salarios de profesorado estrutural e que eses fondos non tivesen servido para incrementar profesorado de PT e AL de reforzo nos centros que tiñan máis necesidades de apoio. O sindicato enviará a documentación da que dispón aos organismos europeos correspondentes por se se estivese a vulnerar a normativa e, de ser así, exixirá as responsabilidades que correspondan.

“Tarefa burocrática”

Por outro lado, a CIG-Ensino considera unha “falta de respecto” ao profesorado que se lle cargue agora dunha nova tarefa burocrática para tapar a vergoña de non ter actuado en tempo e forma como correspondería dunha administración educativa minimamente eficiente. “A Xunta aforra cartos da masa salarial do profesorado con cargos a fondos europeos”, din desde a CIG.

A polémica do financiamento de salarios de profesorado estrutural non afecta só o profesorado de PT e AL de centros de Infantil e Primaria. Tamén se usaron fondos europeos para “pagar parte das retribucións de profesorado de Formación Profesional a quen se lle deu a asinar a finais de curso un documento polo que se daban por coñecedores de que 28% do seu salario foi cuberto con cargos a un programa do FSE”.

Deste modo, a “Xunta incorpora un novo mecanismo para reducir os cartos destinados ao ensino público: como non lle chegaba coa redución orzamentaria e de persoal da etapa Feixoo seguida ao pé da letra por Rueda, agora confirman -xa por dúas vías: a atención á diversidade e a formación profesional- que reducen aínda máis os orzamentos destinados a pagar os salarios do profesorado, ao aforrarse unha parte importante das súas retribucións no canto de usar eses fondos para incrementar o profesorado de todos os centros”.

A CIG-Ensino vén de dirixirse á Consellaría de Educación para que dea cumprida información pública do diñeiro que aforrou nos salarios de profesorado fixo nos cadros de persoal e para que informe se as medidas adoptadas no uso de subvencións públicas do FSE contan co respaldo de Intervención Económica da Consellaría e da propia Xunta e se a UE é coñecedora do uso destes fondos finalistas para cubrir postos de traballo estruturais.