A Xunta súmase á demanda do Estado polos bens de Meirás despois das críticas pola "inacción"

Momento no que entraron as primeiras persoas para facer o inventario do pazo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O Estado español presentou a demanda o pasado 21 de setembro.

A Xunta presentou esta segunda feira no Xulgado de Primeira Instancia número 70 de Madrid un escrito para sumarse á demanda da Avogacía do Estado español que á familia do ditador Francisco Franco a propiedade pública de 564 bens móbeis que se atopan no Pazo de Meirás, no concello de Sada.

A través dun comunicado, o Goberno galego anunciou que se suma á demanda interposta o pasado día 21 de setembro polo Estado español. Segundo o Executivo de Alfonso Rueda, esta decisión "reforza a postura que leva mantendo desde o inicio do proceso" e apoia "a unidade de acción" co resto de administracións, co obxectivo de traballar "de forma leal e coordinada para favorecer os intereses xerais de Galicia".

No escrito presentado no xulgado de Madrid, a Xunta expón o seu "interese lexítimo" para participar neste preito e defende que a permanencia destes obxectos no interior do pazo de Meirás, “faría máis transmisible e comprensible os acontecementos históricos que alí se produciron”.

A Xunta é así a última institución en sumarse á demanda presentada polo Estado español, despois de que o Concello de Sada o anunciase a semana pasada. Neste sentido, o rexedor sadense, Benito Portela, reclamoulle ao Goberno galego que “fixese o propio”.

Colectivos en defensa do patrimonio e formacións políticas como o BNG tamén urxiron a Xunta a que abandone a súa "inacción" e defenda a incorporación do pazo de Meirás ou da Casa Cornide, na Coruña, ao erario público. 

Demanda do Estado español

O Estado español presentou o pasado mes de setembro unha nova demanda contra a familia do ditador Francisco Franco para reclamar a propiedade dos máis de 500 bens que aínda permanecen no seu interior.

Na súa demanda, presentada nun xulgado en Madrid, o Estado español tamén pedía a aplicación de medidas cautelares para evitar que os familiares de Franco poidan retirar obxectos do pazo; un espolio que xa foi denunciado por diferentes colectivos e formacións políticas.

A demanda, á que tivo acceso Europa Press, non inclúe entre os bens reclamados as esculturas do Mestre Mateo e as obras de Emilio Pardo Bazán.