A Xunta recorta 40% as axudas a alumnado con baixos recursos

Estudantes no Campus Sur da USC (Foto: Europa Press).
A nova bolsa asigna 2.000 euros menos por persoa que en 2006.

A Xunta da Galiza publicou onte no Diario Oficial da Galiza (DOG) a convocatoria de axudas destinadas ao estudantado universitario que de maneira imprevista teñan dificultades económicas para continuar os seus estudos durante este curso 2022-2023.

O importe das subvencións oscilará entre 1.750 e 3.000 euros, en función exclusivamente da renda familiar.

O obxectivo desta liña de actuación é, segundo a Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades, "que a aparición dun suceso ou situación inesperada non obrigue a un alumno ou alumna a abandonar a súa formación" pola falta de recursos asociada a imprevistos sobrevidos. 

As axudas para estudantes universitarios que presenten unha necesidade urxente de recursos económicos por causas sobrevidas e imprevistas que lles impidan ou dificulten a continuidade dos seus estudos convocáronse por vez primeira durante o curso académico 2006-2007.

Esta primeira convocatoria estabelecía un máximo de 5.000 euros por beneficiario ou beneficiaria, isto é, 2.000 euros menos que a convocatoria do presente curso 2022-2023. 

A distribución da cantidade orzamentada no curso 2006-2007 e en posteriores fíxose en función dun sistema de reparto de puntos que tiña en conta, ademais dos ingresos recibidos pola unidade familiar, a orfandade total ou parcial do alumnado, as necesidades de desprazamento ou non do domicilio familiar ao centro universitario ou o rendemento académico nos cursos precedentes.  

As axudas do curso 2022-2023 están orzamentadas, segundo a orde publicada onte no DOG, cunha contía global de 120.000 euros.

O mesmo diario oficial recolle a convocatoria de axudas, tamén para estudantado universitario, que queiran realizar estadías en Estados membros da Unión Europea co obxecto de coñecer a súa lingua, cun orzamento de 170.000 euros.