A Xunta pretende autorizar máis de 300 hoteis na costa da Galiza

A lei actual impide eses usos urbanísticos na área de costas.
Factoría de Ence na ría de Pontevedra, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
photo_camera Os ecoloxistas denuncian que a Xunta quere legalizar Ence coa Lei do litoral. (Foto: Europa Press)

O pasado 15 de decembro o Consello da Xunta da Galiza aprobou o anteproxecto de Lei de ordenación do litoral da Galiza. A norma pretende autorizar arredor de 300 estabelecementos hoteleiros en diversos puntos da zona de protección de costas. O texto lexislativo atópase actualmente en fase de exposición pública.

A exposición de motivos do anteproxecto de Lei de ordenación do litoral da Galiza expresa a vontade do Goberno galego de promover unha “Rede de estabelecementos de turismo litoral” coa que “aspira a lograr un turismo diversificado e desestacionalizado, “en coherencia coa normativa turística da Galiza”.

O texto lexislativo desenvolve no seu artigo 56 as características dos mesmos. Nese sentido, apunta que “a rede de estabelecementos turísticos crearase a partir da recuperación ou rehabilitación de edificacións preexistentes, de especial valor arquitectónico, histórico ou cultural, situadas na área de mellora ambiental e paisaxística do litoral”.

A norma indica que os estabelecementos “proporcionarán servizo de aloxamento de forma temporal ás persoas usuarias do litoral”. Nesta liña, tenta permitir estes usos en zonas actualmente prohibidas, como as de servidume de protección marítimo-terrestre. Precisamente, estas áreas correspóndense con aquelas franxas de terreo dunha anchura de 100 metros desde a ribeira do mar, non clasificados como solo urbano no momento de entrada en vigor da Lei de costas de 1988.

A proposta do Goberno galego prohibe “estabelecementos da rede na área de protección ambiental do litoral, salvo que o permitan as normas reguladoras dos espazos naturais afectados”. Porén, autorízaos nas zonas de servidume de protección marítimo-terrestre, "sempre que se trate de edificios previamente destinados a uso residencial e que veñan ocupando lexitimamente o espazo en aplicación do dereito transitorio da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas”.

A Xunta da Galiza significa que “nestes, deberase presentar unha declaración responsábel de cumprimento das condicións estabelecidas neste artigo de conformidade co establecido no artigo 48 desta lei”. Asemade, aclara que “non se considera cambio de uso o cambio de clase ou categoría dentro do uso residencial”.

O anteproxecto de Lei de ordenación do litoral da Galiza está marcado pola polémica. Á referida disposición que permite usos residenciais turísticos na zonas de servidume de protección marítimo-terrestre, sumáselle o temor expresado polo movemento ecoloxista de empregar a norma para tentar legalizar a factoría de Ence na ría de Pontevedra. Porén, na proposta de norma non existe ningunha referencia nese sentido.

O texto lexislativo presentado pola Xunta da Galiza é cuestionado desde o Goberno estatal. Neste sentido, desde o Executivo de Pedro Sánchez consideran que a administración galega non ten capacidade legal para lexislar sobre esta materia, que consideran competencia exclusiva do Estado, polo que avanzan un recurso contra a mesma diante do Tribunal Constitucional.

O Executivo galego discrepa desta interpretación e recolle no propio texto normativo a súa plena capacidade para lexislar sobre “actuacións estratéxicas as que, en execución dunha competencia da comunidade autónoma da Galiza".

Comentarios