39 encoros galegos probarán esta semana as súas sirenas de aviso á poboación

O encoro de Belesar (Chantada), o segundo de maior potencia instalada, é un dos que remata a súa concesión nos próximos anos (Foto: Luis Vilanova).

Os simulacros “non afectarán a actividade diaria” da veciñanza.

A Xunta da Galiza ten previsto realizar esta quinta e sexta feira, días 22 e 23 de xuño, unha activación de proba das sirenas de aviso á poboación adscritas ás 39 presas galegas que están dotadas de plan de emerxencia.

Segundo informa a Administración galega, trátase dun simulacro sonoro que acenderá máis dun cento de alarmas situadas por todo o país coa colaboración dos titulares das infraestruturas, é dicir, Alcoa, Emalcsa, Endesa, Iberdrola, PHG, Naturgy, Xeal e Augas da Galiza.

Tamén participará persoal dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta da Galiza, así como integrantes de Protección Civil dos concellos afectados e persoal da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Ademais dos encoros, activaranse as catro sirenas adscritas ao plan de emerxencia exterior da balsa de lodos vermellos, situada en Xove (Comarca da Mariña).

Segundo detalla a Xunta, o primeiro sinal de aviso audíbel será a partir das 9 horas desta quinta feira augas abaixo da presa de Belesar, nos concellos de Chantada, O Saviñao, Carballedo e Pantón, entre as comarcas de Chantada e Terra de Lemos. 

A partir desa hora, as probas desenvolveranse en diversas localidades do país até as 13 horas. Finalizará no encoro de Albarellos, en Boborás, O Carballiño, Leiro, Beade e Cenlle, entre as comarcas do Carballiño e O Ribeiro.

Ao día seguinte, esta sexta feira, retomaranse as probas ás 9 horas da mañá na presa de Vilagaduin, en Tordoia (Ordes), e concluirán ás 13 horas na da parroquia Velle, en Ourense.

A Xunta afirma que os simulacros "non afectarán á actividade diaria" da veciñanza pero que, en calquera caso, a poboación será informada dos mesmos e das medidas de autoprotección previstas en caso de emerxencia real.