A Xunta prevé alzas nos contaxios en xullo e agosto

Tractores agrícolas desinfectando as rúas de Sanxenxo, unha das localidades turísticas da Galiza. (Europa Press Beatriz Ciscar)
Os contaxios por coronavirus dispararanse nos meses de verán. Os informes sanitarios do Goberno galego recoñecen que a chegada á Galiza en xullo e agosto de turistas procedentes doutras partes do Estado vai multiplicar o número persoas afectadas pola pandemia. Aínda así, Feixoo decide convocar as eleccións. 

Os estudos manexados pola Xunta da Galiza dan por descontado unha nova vaga de contaxios por coronavirus para os meses de xullo e agosto, como consecuencia da chegada á Galiza de turistas procedentes doutras partes do Estado. Segundo o informe elaborado pola Consellaría de Sanidade para avalar a convocatoria electoral -asinado polo director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares e polo subdirector xeral de Información sobre a Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada-, "un factor que pode alterar a situación de control da infección na comunidade é a entrada múltiple de persoas procedentes doutros territorios cun nivel de infección superior, que poden iniciar cadeas que pasen desapercibidas nun inicio".

Afírmase ademais que "durante o mes de xullo o previsíbel aumento do contacto entre persoas, produto da recuperación de actividades até o momento restrinxidas e a posíbel entrada de persoas infectadas, co incremento do número de viaxeiros, podería provocar unha suba da transmisión do virus, que podería dar lugar, ao cabo de varias semanas, a agrupación de casos en territorios concretos da Galiza que obriguen a novas medidas de mitigación xa abandonadas". Atendendo a estas previsións, as zonas máis afectadas da Galiza por esta segunda quenda da pandemia van ser as localidades turísticas.

Os riscos sanitarios

O informe de Xurxo Hervada e Andrés Paz-Ares detense nas consecuencias concretas do turismo na expansión do coronavirus. Sinálase no documento que "esta afluencia de turistas pode multiplicar, nunha cifra imposíbel de determinar neste momento, a posibilidade de entrada de novas infeccións na comunidade, o que pode provocar pequenos aumentos que poden obrigar á volta de novas restricións da vida social e de certas actividades habituais". Ao tempo, en relación cos turistas, destácase que "unha parte importante deles" provén de "territorios cunha incidencia de infección superior á Galiza", polo cal, "a súa probabilidade de estar infectados sería superior á galega".

A partir de xullo podería haber un rebrote de amplitude "non predecíbel"

As achegas doutros expertos solicitadas polo Goberno galego informan dunha nova alza do número de afectadas e afectados e da complexa situación sanitaria na que se atopa Galiza. O presidente da Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias, Pedro Rascado Sedes, chama a "extremar as precaucións para controlar a evolución dos casos tras movementos de poboación entre comunidades con diferentes taxas de ataque, tendo en conta a evolución prevista dos desprazamentos durante o período de vacacións". Vincula os novos brotes "con casos non controlados ou, como xa vimos ao comezo do brote actual, con movementos importantes de poboación entre comunidades con diferentes bases de ataque, tras o correspondente período de incubación".

O xefe da unidade de Enfermidades Infecciosas do Centro Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), Enrique Míguez, autor doutro dos estudos solicitados por Feixoo, considera que "se en toda esta ecuación introducimos as posíbeis chegadas de comezos do verán, coa relaxación das medidas aínda máis alá, é facilmente esperábel un rebrote máis duro do actual cun impacto pouco predicíbel e no que todo o logrado no ascenso (confinamento) se perda na baixada deste porto de montañas". A este respecto, considera que "sería probábel un pequeno rebrote nas 2-3 semanas próximas. A partir do mes de xullo podería haber un rebrote de amplitude non predicíbel".

Feixoo rexeita fechar Galiza

O presidente da Xunta négase a tomar medidas para evitar o rebrote e disponse a convocar a cidadanía galega ás urnas malia a situación de risco sanitario. En resposta á pregunta formulada por Nós Diario na comparecencia pública decorrida na cuarta feira, opúxose a solicitar ao Executivo estatal a blindaxe da Galiza malia recoñecer as posibilidades dun importante aumento dos casos de contaxio e dun posíbel rebrote asociado á chegada Galiza de cidadás doutra parte do Estado.

"Cantas máis persoas entren en xullo, agosto e setembro, máis risco de rebrote temos", admitiu Feixoo, que expresou a súa confianza en que este verán haxa turismo estatal e "nese sentido, Galiza estase preparando para recibir visitantes". A chegada de persoas procedentes doutras partes do Estado, nomeadamente de Madrid, foi a principal causa de expansión da coronavirus no país na primeira fase da pandemia.

Galiza vai votar nunhas circunstancias de emerxencia sanitaria onde a saúde da poboación non está garantida. A este respecto, o propio documento elaborado pola Consellaría de Sanidade para avalar a convocatoria electoral insta a Xunta a "estabelecer medidas ad hoc, tanto nos colexios electorais como na propia campaña electoral para garantir a seguridade dos participantes no proceso electoral". Pola súa banda, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, volveu expresar as súas dubidas sobre a posibilidade da realización das eleccións na Galiza.