Política

Precaución nos concellos da costa ante a chegada de visitantes na Semana Santa

Alertan de que se están a realizar "preparativos" en segundas vivendas.
Un coche repleto de maletas foi interceptado cando viaxaba de Madrid a Galiza (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Un coche repleto de maletas foi interceptado cando viaxaba de Madrid a Galiza (Imaxe: Europa Press)

“Non intenten vir porque non van poder entrar”. Eis a mensaxe coa que o alcalde do Grove, José Cacabelos (PSOE), en declaracións a Nós Diario, quere evitar a chegada de persoas de fóra que teñen no Grove unha segunda vivenda e que están pensando trasladarse a ela con motivo da Semana Santa. 

Concellos da costa galega como o do Grove recibiron estes días avisos veciñais alertando de que inmóbeis vacacionais están a ser preparados polos seus coidadores para recibir os donos, razón pola que algúns Gobernos municipais xa demandaron ás forzas policiais aumentar os controis de acceso.

De feito, o alcalde do Grove vén de pedir á Garda Civil que esta fin de semana incremente a vixilancia nas entradas ao seu concello para evitar a chegada de xente foránea. 

“Non queremos turismo bacteriolóxico, que queden nas súas casas”, di Sandra Fernández

Ante a alarma, desde a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) solicitouse tamén á Delegación do Goberno central na Galiza que se "reforcen os operativos". 

En Sanxenxo tamén están a ver como "preparan segundas residencias. Persoas que coidan destes inmóbeis durante o ano están a acudir a eles para abrir ventás, arranxar patios… Veciñas da Lanzada están a alertar destes movementos", sinala a Nós Diario a portavoz municipal do BNG en Sanxenxo, Sandra Fernández.

“Non queremos turismo bacteriolóxico, que queden nas súas casas”, di a edila, ao tempo que reclama "blindar Sanxenxo". 

Nós Diario dirixiuse ao alcalde desta vila, Telmo Martín (PP), para coñecer que medidas hai de cara á Semana Santa, ao ser Sanxenxo un dos concellos galegos con maior número de vivendas de recreo.

Desde a Alcaldía remitiuse un comunicado en que o rexedor afirma que “os controis se intensificaron desde hai dez días”. Na nota, Martín salienta o seu convecemento en que "non hai ningunha posibilidade de que ninguén se poida desprazar desde os seus respectivos destinos a outras cidades tanto polas medidas de control como porque 99% dos españois son responsábeis”.

A Mariña é outro dos concellos onde persoas de distintos puntos do Estado español teñen segundas vivendas. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida (BNG), pide a través de Nós Diario que se reforcen os controis tanto nos accesos de entrada como nos de saída.

Ermida sinala ademais que en localidades como Barreiros, "onde non temos policía local, a capacidade de impedir a chegada destas persoas non pode recaer nos municipios, polo que blindar Galiza é moi necesario”.

Precisamente sobre a previsión de blindar Galiza na Semana Santa preguntou Nós Diario onte ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

O mandatario puxo a pelota no tellado do Goberno estatal, afirmando que “Galiza debería estar xa blindada desde o 15 de marzo”. Con todo, Feixoo non demandou en ningún momento o feche da Galiza, como si fixeron outros presidentes cos seus territorios, como o catalán Quim Torra (Junts) mais tamén o seu homólogo en Murcia e compañeiro de filas no PP, Fernando López Miras.

Tanto a alcaldesa de Barreiros como o do Grove agardan que non se reproduza a afluencia de visitantes de Madrid que se deu na primeira fin de semana da emerxencia sanitaria e na ponte do Día do Pai, o pasado 19 de marzo. 

Interceptan un coche cheo de maletas que viña de Madrid

A Garda Civil parou onte en Begonte, na Terra Chá, a condutora dun vehículo que, repleto de maletas, se dirixía á costa galega desde o centro da península pola A-6. A patrulla estaba controlando os accesos no sentido da vía que leva cara a Madrid, mais ao veren que o automóbil circulaba en dirección A Coruña e que estaba cheo de bolsas de equipaxe, os gardas  cambiaron de sentido e procederon a interceptalo.

Salvo o espazo reservado para a condutora, que viaxaba soa, todo o interior do vehículo se atopaba cheo de bolsas, mochilas e maletas, o que supón un risco para a circulación. 

Así, a muller foi denunciada tanto por incumprir a restrición de illamento e movemento no estado de alarma como por infrinxir as regras de tráfico. A condutora adquirira o vehículo coa finalidade de realizar o desprazamento á costa galega.  

Comentarios