A Xunta pide por carta á ministra de Vivenda a convocatoria da comisión bilateral sobre a nova Lei estatal

A Vicepresidenta Segunda e Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez

Demanda, ademais, axilidade na xestión de fondos europeos e concreción sobre as accións da Sareb

A vicepresidenta segunda da Xunta, Ángeles Vázquez, remitiu unha carta á nova ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, para solicitar a convocatoria da comisión bilateral que o Goberno galego solicitou abrir no verán para dirimir as discrepancias xurdidas ao redor da Lei de Vivenda en vigor desde maio.

A misiva, asinada pola responsábel de Vivenda no Goberno autonómico, insta a Rodríguez a convocar coa "máxima axilidade" as primeiras reunións dunha comisión entre as dúas administracións que foi reclamada pola Xunta no verán e aceptada polo Estado en agosto.

Após felicitar polo seu recente nomeamento como ministra, o número tres da Xunta incide na importancia de celebrar reunións para "tentar chegar a un acordo que evite as múltiples disfuncións que está a provocar a aplicación da devandita norma na Galiza".

 

 

Así mesmo, tamén reclama a convocatoria da Conferencia Sectorial de Vivenda para abordar a repartición de fondos da anualidade do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que demanda que sexan xestionados con "celeridade".

Incide en que é "fundamental" que se celebre este entre encontro entre comunidades e Goberno para que as primeiras poidan "preparar as convocatorias dos distintos programas previstos para 2024 e que están pendentes só desta repartición".

"Considero que debemos contribuír entre todos á máis eficaz execución dos fondos europeos, algo no que a Galiza xa demostrou sobradamente o seu compromiso e capacidade", asevera na súa carta Ángeles Vázquez. 

 

 

En último lugar, a vicepresidenta pecha a súa misiva mostrando a súa "preocupación polas actuacións realizadas pola Sareb", dado que a Galiza "segue pendente desde hai meses do tan anunciado ofrecemento de vivendas co que incrementar" o seu parque público.

Ademais, lamenta que a Galiza "non apareza" entre as comunidades nas que se porá en marcha o Proxecto Viena que prevé impulsar 3.500 vivendas en aluguer "alcanzábel".

"Espero que estas peticións da Galiza, que son xustas e están debidamente justificadas, sexan tomadas en conta nesta lexislatura que agora comeza. Algo que, sen ningunha dúbida, permitiranos seguir avanzando en garantir o acceso á vivenda dos galegos e galegas", conclúe Ángeles Vázquez.