A Xunta exixe a Nostián e Lousame a recollida separada

Colectores para a clasificación dos residuos nunha rúa da Coruña. (Foto: Richard Villalon).
A Xunta da Galiza urxe ao Concello da Coruña a mudar o seu modelo de recollida de residuos. Nunha carta dirixida á alcaldesa Inés Rei, á que tivo acceso Nós Diario, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático insiste na obrigatoriedade da recollida separada de residuos e insta o Concello a desenvolver os cambios "oportunos" para adaptar o seu modelo actual.

O sistema da planta de Nostián non se axusta á lexislación vixente en materia de residuos e non pode acollerse á excepción de recollida separada que contempla a lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular de abril de 2022.

O obxectivo son os resultados ambientais, non o modelo de recollida

Segundo informa a Consellaría de Medio Ambiente, Vivenda e Territorio na súa misiva, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico vén de confirmar a través dun acordo da Comisión de Coordinación en Materia de Residuos "con data do 24 de xullo", que o modelo húmido-seco co que traballa tanto a planta de xestión de residuos de Nostián –Consorcio As Mariñas– como a planta de Lousame –Complexo Medioambiental Serra do Barbanza– non se adapta ás exixencias de separación da Unión Europea "nin sequera como excepción",  un favor que recolle a norma condicionado ao cumprimento de determinados requisitos, entre os que figuran uns custos económicos desproporcionados da recollida separada ou a obtencións duns mellores resultados medioambientais sen recollida por separado.

Quinto colector

Adega, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, presentou a pasada sexta feira o informe A xestión de residuos na Galiza: Nostián vs. Sogama. Os datos de 2022 apuntan unha maior recuperación de residuos de envases por habitante e ano do modelo de Nostián, 31,9 quilos, fronte aos 8,3 de Sogama. 

Porén, a Xunta insiste na súa carta –dirixida tamén a Alcaldías do Barbanza– que a recollida separada de residuos é obrigatoria, de acordo coa Directiva europea 2018/851 e da guía de 2020 da Comisión Europea, que "non contempla a posibilidade de considerar recollida separa a mestura de residuos reciclábeis coa fracción resto".

Para Manolo Soto, vogal de residuos de Adega, esta remesa de misivas por parte da Xunta porfía "na exixencia do quinto colector amarelo para residuos de Ecoembes" que a Administración galega mantén desde hai meses. "A directiva á que alude non é obrigatoria, porque contempla excepcións de beneficio ambiental e resultado da eficiencia, que no caso da Galiza se observan ao contrapoñer os modelos de Nostián e Sogama. Ademais, a guía da Comisión á que fai referencia non ten ningún valor normativo".

Na súa opinión, tanto Nostián como Lousame deberan non só dar a coñecer "as cifras de resultados senón realizar unha análise de ciclo de vida dos seus sistemas de recollida, que é o que determina e recolle a normativa. Se demostran os beneficios ambientais da súa xerarquía de residuos e do seu modelo se recuperación, este podería prevalecer".

Nesta liña, asegura, están a traballar outros concellos, como o de Córdoba, disposto a demostrar ante o Ministerio que o seu é un caso de éxito en separación de residuos e que está en condicións de acollerse á excepcionalidade que contempla a norma.

Melloras

En conversa con Nós Diario, Soto asegura que o obxectivo "son os resultados ambientais, non o modelo de recollida, e aquí os datos demostran que o sistema húmido-seco está a ser superior en cantidades recuperadas e cifras finais de reciclaxe, ademais de ser máis económico que de recollida separada, que dificulta a participación cidadá".

 Ambos os dous modelos, di, empregan colectores anónimos, o que significa que "non son sistemas eficientes", como a recollida porta a porta. Ambos requiren melloras: na recollida de papel, cartón e vidro máis na xestión en planta. Pero a introdución do quinto colector non é o camiño, "unha exixencia que só se explica polo interese dos lobbies comercializadores e a conivencia das Administracións con este modelo".